Skip to main content
LugoMonforte

O PSOE pide priorizar o desdobramento do corredor Nadela-Monforte

Por 2 Xullo, 2021Xullo 3rd, 2021Sin comentarios

Os socialistas emprazan ao Goberno de Feijóo a que execute, no menor prazo de tempo posible, o desdobramento total do corredor Nadela-Monforte de Lemos para convertelo en autovía. Así o avanzou en Nadela, a secretaria provincial e deputada autonómica, Patricia Otero, acompañada do presidente da Deputación e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca e o voceiro do Concello de Lugo, Miguel Fernández, e o deputado autonómico, Luís Álvarez onde anunciaron que reclamarán dende o Parlamento de Galicia priorizar esta infraestrutura, tan necesaria para a provincia.

Patricia Otero dixo que “a actuación da Xunta de Galicia no Corredor Nadela-Monforte de Lemos exemplifica ben a súa pésima xestión das infraestruturas e, nomeadamente da rede viaria na nosa provincia”. Nesa liña cualifica as actuacións do PP como “unha retaila de promesas reiteradamente incumpridas, retrasos inxustificados, partidas que se consignan ano tras ano nos orzamentos da Feijóo, pero que nunca se executan”. Insiste “no baile de cifras que soben e baixan nos orzamentos sen explicación racional algunha, cunha Consellería de Infraestruturas que nega e substitúe as súas propias previsións sen ningunha explicación, son o mellor exemplo da falta de planificación en política viaria”.

A voceira de Infraestruturas afirma que Feijóo “non escoita aos alcaldes, e fai caso omiso ás demandas dos veciños e veciñas, ou incluso dos consellos técnicos, que veñen sinalando dende hai anos o risco que supón manter o tráfico en dobre sentido nunha vía concibida inicialmente como autovía, para circular en sentido único”, advertiu.

Patricia Otero lembrou ademais que o acordo acadado no Parlamento de Galicia, o pasado mes de maio de 2019; “O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a iniciar a contratación no ano 2019 dos proxectos construtivos e de impacto ambiental do treito A Pobra de San Xiao-Nadela co fin de avanzar de forma definitiva no total desdobramento desta infraestrutura, tendo presente o desdobramento futuro do tramo Sarria-Monforte, que se abordará unha vez que se vaia materializando o tramo Sarria- Lugo.”

“Feijóo non contempla o desdobramento”

Ademais hai que remarcar que o tramo que está nestes intres en execución, das obras de desdobramento para converter en autovía o corredor Nadela-Monforte de Lemos, ten unha lonxitude de 11,5 km entre A Pobra de San Xiao (Láncara) e Sarria-centro. E en vista das declaracións e anuncios do Presidente da Xunta tales como “… para completar o trazado íntegro da futura autovía entre Nadela-Sarria …” ou ben coa consignación orzamentaria da Xunta para este ano 2021 e as previsións para os vindeiros anos nas que referencian a actuación como “conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria”, queda patente que Feijóo abandona e non contempla o desdobramento total do corredor Nadela-Monforte de Lemos.