Skip to main content
Lugo

Continúa a renovación do alumeado público en varias rúas de Lugo

Por 5 Xullo, 2021Sin comentarios

Nos vindeiros días comezará a renovación do alumeado público en sete rúas da contorna da avenida das Américas, onde se mudarán as luminarias antigas que utilizan materiais contaminantes como vapor de sodio ou mercurio por luminarias LED, de baixo consumo enerxético e menor impacto ambiental.

Alexandre Penas explicou que “seguimos traballando para mellorar o alumeado público, aplicando a perspectiva de xénero para reducir zonas escuras nos distintos puntos da cidade, ao mesmo tempo que reducimos a factura da luz que paga o Concello, o que nos permite avanzar de cara a unha cidade máis ecolóxica”.

Esta actuación terá lugar nas rúas Músico Soutullo, Músico Falla, Alcalde Carlos V. Pimentel, Bidueiro e Sabugo, e parcialmente nas rúas Pomar e Ameneiro. Alexandre Penas explicou que ”esta actuación levarase a cabo cos preto de 33.000 euros aforrados na renovación integral do alumeado da Fonte dos Ranchos, onde se atoparon canalizacións en bo estado que non requiriron de renovación”.

Actuacións no resto da cidade

O edil de Infraestruturas lembrou que nos pasados días se aprobou en Xunta de Goberno se adxudicaron as renovacións do alumeado público no grupo da Paz e na Residencia.

Na zona da Residencia, renovarase o alumeado das rúas Río Ulla, Azalea, Escultor Asorei, Río Lor, Portugal, Amizade e Evaristo Correa Calderón. Trátase de alumeado completamente novo, renovando a infraestrutura existente. Elimínanse en total 50 luminarias de 75, 150 e 250W de distintos tipos altamente contaminantes, como vapor de mercurio ou sodio, mudándose por luminarias LED de distintas potencias segundo a necesidade de cada rúa. O consumo eléctrico pasará de 9.675W a 5.681W, aforrando en total 6.15 Tn de CO2 ao ano. A actuación foi adxudicada por 208.626,59 euros.

No grupo da Paz adxudicouse por 55.953,80 euros a renovación das luminarias das rúas Pardo de Cela, estralote, carpaza, Santo Domingo da Calzada (zona peonil), Alecrín, Teixo, Acibro, Camelia, Ligustro, Filgueira, Bataneira, Estrelamar, Roseira e Torques. En total substituiranse 48 luminarias de vapor de sodio de alta presión de 150W por 35 luminarias LED de 38W e 13 de 75W. Redúcese a potencia a utilizar de 7200W a 2305W, o que suporá unha reducción de 7.5 toneladas de CO2 ao ano. Nesta intervención aproveitarase a instalación existente, renovando as luminarias e soterrando os cruzamentos aéreos do alumeado.