Skip to main content
LugoSarria

Continúan a bo ritmo as obras da autovía Nadela-Sarria

Por 7 Xullo, 2021Sin comentarios

A primeira fase das obras da autovía Nadela-Sarria acadan o 25% de execución e confirman a aposta pola vertebración territorial do interior de Galicia.

Os traballos da primeira fase de desdobramento da vía de alta capacidade están a desenvolverse ao longo dos 11,5 km que conectan A Pobra con Sarria centro, e que se corresponden co treito de corredor que rexistra unha maior intensidade de tráfico.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que o plan de traballos nesta vía, que vertebra a metade sur de Lugo, se está a cumpriu ao 103%, é dicir, por riba do previsto, con 30 máquinas e máis de 50 traballadores no terreo. Sinalou que o obxectivo é que no outono do vindeiro ano se poida poñer en servizo a primeira fase da autovía Nadela-Sarria, grazas a un investimento de máis de 25 millóns de euros.

Ademais, mantense o obxectivo de licitar este mesmo ano, 2021, a redacción do proxecto do resto do treito, que completará o percorrido en autovía ata Lugo. Desa forma, acurtaranse as distancias entre a Galicia urbana da capital e a do rural do sur de provincia, achegando seguridade viaria e calidade de vida para os veciños e competitividade para o territorio.

A conselleira lembrou que no momento de construción da vía de altas prestacións entre Nadela e Sarria se planificou a ampliación da capacidade e se deixaron preparados importantes desmontes pero, aínda así, agora están a ser ampliados en certos puntos para o acopio de material.

Explicou que as obras en marcha na 1ª fase de desdobramento desta vía supoñen, tamén, a adaptación dos tres enlaces do treito A Pobra, Sarria norte e Sarria centro, e a ampliación dos seis pasos inferiores.

Os traballos previos de roza e despexe do terreo están executados ao 100%, quedando só por rematar o levantamento da valla metálica de peche e a desmontaxe dos sinais. Tamén está moi avanzada a explanación, estando executado xa case ao 45% o movemento de terras, co obxectivo de rematalo ao final do verán. Do mesmo xeito, están xa practicamente executados por completo 4 dos 6 pasos inferiores e progresan as obras de drenaxe transversal e de reposición dos servizos afectados.