Skip to main content
Lugo

North Skateboarding Club Lugo denuncia a mala actuación do Concello no novo skatepark

Por 8 Xullo, 2021Sin comentarios

Dende North Skateboarding Club Lugo transmitiron a través dun comunicado a súa decisión de non tomar parte como club na inauguración do novo skatepark “esto débese a que non se nos tivo en conta e non existiu unha comunicación construtiva con nós en ningún momento, mostrando unha falta de saber facer e de respecto hacia aquelas persoas que levamos toda a vida practicando este deporte”.

Así mesmo, tamén defenden a súa aportación, tanto na creación de North Skateboarding Club Lugo coma da plataforma de Skatepark Lugo Xa, para poder crear e gozar dun espazo e dunhas instalacións necesarias para que este deporte se poida practicar e continúe crecendo na cidade, algo que non ven dende as institucións competentes.

Por todo iso, dende North Skateboarding Club Lugo deixan claro o descontento e a indignación coa actual actuación do Concello no novo skatepark que se realizou na avenida Infanta Elena, ao lado das Termas na que sinalan que “contando cun presuposto elevado quedouse finalmente nun skatepark moi limitado, con malos acabados e moi inferior a outros presupostos similares”. Engaden, ademais, que vistas as actuacións que se estaban a levar a cabo, alertaron ao Concello presentando informes e comparativas que non se tiveron en conta.

Por outro lado, consideran que moitas empresas de construción de skateparks aproveitan o momento de auxe deste deporte, así coma o descoñecemento de concelos e institucións para inflar presupostos sen que o resultado final se axuste aos mesmos; algo que se podería evitar se o propio Concello tivese máis comunicación co club. “Só se nos ensinou o proxecto cando éste xa estaba cerrado, dándonos unicamente marxe a pequenas modificacións sobre un plano sen cotas nin medidas, que nin sequera se correspondería co construido finalmente” denuncian.

Ademais, inciden en que a calidade do skatepark non se axusta ao presuposto co que se contaba xa que se conta cun número inferior de módulos, así coma unhas dimensións máis pequenas. Así mesmo, destacan a falla estrutural “debido a asentamentos diferenciais que se presentan en forma de numerosas fendas”. A isto hai que engadir que o desgaste vai a ser moito maior e que acabará sendo un perigo para a seguridade dos usuarios.

Por último, consideran que o skatepark será unha novidade e terá boa acollida por falta dunhas instalacións mellores, sen embargo, defenden que é unha mágoa que co presuposto co que se contaba non se aproveitase a oportunidade de realizar un skatepark de calidade, que puidese chegar a ser referencia. De feito, según comentan hai exemplos doutras cidades que, con menos, lograron moito máis, abrindo as portas da cidade ao ocio, turismo e celebración de competicións importantes.