Skip to main content
Lugo

A Federación Lucus Augusti solicita participar na mesa de transporte do Concello de Lugo

Por 12 Xullo, 2021Sin comentarios

Dende a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo continúan e continuarán reclamando resposta á Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo con motivo do novo trazado de liñas de autobús urbano que “levaron a cabo sen consulta previa nin información a quenes son os usuarios do mesmo: os veciños e veciñas dos diferentes barrios e parroquias de Lugo”.

Ao longo das pasadas semanas, dende a entidade mantiveron diversas reunións a este respecto cos veciños e veciñas lucenses, en relación “ao grave prexuízo causado pola modificación do trazado de autobús urbano en Lugo, levado a cabo pola Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo, sen contar con participación algunha dos usuarios”. Así mesmo, dende a asociación informan de que a resposta por parte destes últimos foi unánime, e así llo transmitiron á Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti en diferentes reunións mantidas a este respecto: “Queremos que nos deixen como estabamos antes”.

Concretamente, desde a entidade reuníronse con veciños e veciñas dos barrios  lucenses de: O Carqueixo, A Ponte, Montirón, A Tolda, Abella, Paradai, Albeiros, As Gándaras, A Milagrosa e Sagrado Corazón; así como as parroquias de Conturiz, Nadela, Muxa e A Campiña. Así mesmo, dende a asociación tamén lembran que se mantiveron reunións con catro forzas políticas: PP de Lugo, Cidadáns de Lugo, PSOE de Lugo e Círculo de Podemos Lugo.

A este respecto, cabe engadir, que dende a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti foron informando puntualmente -un por un- de cada reunión que mantiñan en cada barrio ou parroquia lucense, recollendo as demandas concretas dos veciños e veciñas desa zona, facéndollo chegar por rexistro electrónico, á Concellería de Movilidad  do Concello de Lugo.

Chegados a este punto, dende a Federación Lucus Augusti solicitan “ser convocados á Mesa de Transporte do Concello de Lugo -entendemos que sen voto, pero sí con voz- a fin de trasladar as demandas e necesidades dos veciños e veciñas lucenses dos diferentes barrios e parroquias, que viron eliminado na práctica un  servizo público como o autobús urbano, xa que co novo trazado non poden acudir en tempo e forma aos puntos aos que deben trasladarse, e que antes -co trazado previo- si podían facer”.

Unha vez máis, dende a Federación Lucus Augusti instan aos titulares da Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo a que se reúnan cos veciños e veciñas dos diferentes barrios e parroquias lucenses, “que os escoiten e atendan as súas demandas e dean resposta ás mesmas. É, por parte de calquera representante público, unha obrigación; e por parte de todo cidadán, un dereito, así como o autobús urbano é un servizo público, sufragado co diñeiro de todos os veciños e veciñas, e cuxa modificación de trazado de liñas levouse a cabo de modo oscurantista e sen participación algunha da cidadanía”.

Así pois, conclúen que dende a entidade esperan resposta por parte dos titulares da Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo, e “agardamos tamén que, precisamente por estar integrada por membros dun partido político como o Bloque Nacionalista Galego, que sempre fixo gala da participación cidadá, consideramos que é, a circunstancia actual, un momento idóneo para demostralo”.