Skip to main content
Lugo

Cidadáns propón incrementar a vixilancia para frear o botellón

Por 19 Xullo, 2021Sin comentarios

A voceira municipal de Cs, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo propoñerá ao pleno incrementar a presenza policial nas zonas de botellón e promover a instalación de cámaras de seguridade naquelas zonas protexidas e de alto valor patrimonial.

Así mesmo, dende Cidadáns apostan por poñer en marcha unha programación de ocio diurno e nocturno xuvenil axeitado ás súas demandas e realizar unha campaña de sensibilización destinada a mocidade.

“Desde que rematou o estado de alarma o pasado 9 de maio, e tamén durante o meses nos que aínda había toque de queda, puidemos ver concentracións de mozos e mozas, en distintas zonas da cidade, sen respectar na maioría das ocasións, as medidas de seguridade, o que conleva un gran risco de contaxio”, sinalou a concelleira da formación laranxa.

Louzao advertiu do perigo ao incrementarse o número de contaxiados entre as xeracións máis novas. “A batalla contra o coronavirus aínda non rematou, a pesar do cese das duras limitacións impostas. Este tipo de comportamento absolutamente irresponsable que incumpre todas as medidas sanitarias fai necesario que desde as administracións se tomen todas as precaucións para evitar que estas concentracións poñan en risco a saúde na nosa cidade”, proseguiu.

A voceira sinalou que a estas consecuencias sobre a saúde hai que engadir os actos vandálicos que se suceden e que están a afectar ao noso patrimonio histórico en espazos protexidos e no mobiliario urbano en distintas zonas da cidade. “Espertamos nas fins de semana coas rúas do noso casco histórico cheo de lixo, vidrio e tamén con outros incidentes, como pelexas, que acaban con feridos”.

Louzao recordou que en xullo de 2020, a Xunta de Galicia aprobou unha resolución na que se prohibía beber na rúa como medida de control ante a pandemia e a recente modificación da lei de saúde, aprobada en febreiro de 2021, prohibe nun dos seus artigos o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e outros lugares de tránsito público. “A pesares de existir normativa ao respecto, o día a día, e sobre todo nas noites dos fins de semana, pode comprobarse que segue a ser algo habitual e moi difícil de controlar. Ninguén dubida dos meses duros que sufriron os nosos mozos e mozas e o cambio brutal acontecido nos seus hábitos de socialización, pero estas imprudencias poden ter efectos e consecuencias nefastas para a recuperación sanitaria e tamén, por suposto, económica”, dixo.

“Por iso é necesario incrementar a presenza policial nas zonas onde de xeito habitual se realizan botellóns, levando a cabo unha acción coordinada entre as distintas forzas de seguridade presentes na cidade, para efectivizar os recursos humanos dispoñibles. O Goberno local tamén debe promover a instalación de cámaras de seguridade naquelas zonas protexidas e de alto valor patrimonial que sufran de xeito reiterado actos vandálicos para disuadir dos mesmos e protexer o noso patrimonio histórico e cultural”, apuntou a concelleira que informou que a proposta do seu grupo inclúe realizar unha campaña de concienciación e sensibilización dirixida aos mozos e mozas lucenses sobre as consecuencias dun consumo excesivo de alcohol e poñer en marcha unha programación de ocio diurno e nocturno xuvenil alternativo e axeitado ás súas demandas.