Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo insta ao Concello a mellora da circulación de Ramos Misioné

Por 20 Xullo, 2021Sin comentarios

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo piden a Lara Méndez e Rubén Arroxo que escoiten as peticións dos veciños da rúa Ramos Misioné, que levan anos pedindo unha mellora na rúa para solucionar os problemas existentes para a circulación de vehículos.

Sinalan os populares que urxe unha actuación para, “en primeiro lugar, eliminar un tapón urbanístico existente ao inicio desta rúa, moi preto do cruce coa rúa da Zarra, xa que ao tratarse dunha vía de dobre sentido de circulación e na que ademais hai unha escola infantil, hai que garantir unha fluída circulación dos vehículos”.

Neste senso, os populares agardan que “agora si o goberno se poña a traballar para corrixir esta situación xa que hai un acordo plenario de febreiro de 2020, impulsado polo PP, para que o Concello de Lugo realice un censo dos tapóns urbanísticos que hai no municipio e que así se poida poñer en marcha un plan de supresión dos mesmos dotado das partidas económicas suficientes e no que se estableza unha planificación priorizando as que máis risco xeran aos peóns e máis dificulten a mobilidade na cidade”.

Ademais, os populares apuntan a que sería preciso mellorar a sinalización horizontal desta rúa e tamén piden a colocación dun espello na confluencia coa rúa Barrio Capilla de Fingoi, xa que a visibilidade é moi mala e un simple espello solucionaría moitos dos problemas que os condutores sofren a diario na entrada e saída dende Alfonso X.