Skip to main content
Lugo

Lugo acolle o ciclo O país das Bandas

Por 21 Xullo, 2021Sin comentarios

O ciclo O País das Bandas ofrece esta fin de semana tres concertos na cidade de Lugo. Así, o Club Fluvial será o escenario o venres, ás 19.30 horas, do concerto da Banda de Música de Antas de Ulla, fundada en 1896 e recuperada na década dos 80 despois de disolverse nos anos 60.

Dirixida por Javier González Borrajo, componse de arredor de 45 músicos que interpretarán Música mestres, Paisaxes galegas, Oregón e Magic. Tamén soarán Grease, Arsenal, Terriña galega, Muiñeira da forxa e De donde. O peche porao a Muiñeira de Chantada.

O sábado, a Banda de Música Municipal de Silleda repetirá escenario e hora co seu repertorio Ponteareas, Marcha eslava e Suite Galaica, que inclúe Amencer na montaña, Samhain e Danza gaélica, así como Moment of glory e A xota de Nicolás. Fundada en 1888, o seu director actual é Rafael Agulló Albors.

Para esta mesma xornada, ás 12.30 horas, está prevista a actuación da Banda de Música de Vilatuxe na rúa San Marcos. Fundada en 1942 e dirixida por Víctor Manuel Vilariño Salgado, a agrupación ofrecerá no seu programa os temas El meu laio, Danzas Armenias, Cavaleiros de Santiago, Libertango e Cascarexa. A formación interpretará tamén Fantasía sobre tres temas galegos, Churrusqueira, Muiñeira de Chantada e Muiñeira dos Pendellos.

A vindeira semana, o día 30 ás 19.30 horas, haberá un novo concerto no Club Fluvial, coa Banda de Música Santa Cruz de Ribadulla, no que soarán Mercury-Contest March, Ivanhoe, La revoltosa e Fantasía sobre tres temas galegos. Cascarexa, La dolores, Muiñeira dos pendellos e Enrique López completan o repertorio desta banda formada en 1927 e dirixida por Alejandro Cimadevila Louzao.

Este será o último dos cinco concertos desenvolvidos en Lugo no marco do ciclo O país das bandas, que arrincou na cidade o pasado 9 de xullo coa Banda de Música de Ordes.