Skip to main content
Lugo

Cidadáns critica o resultado do novo skatepark de Lugo

Por 23 Xullo, 2021Sin comentarios

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, denunciou esta mañá deficiencias graves no novo skatepark de Lugo situado nas inmediacións do parque Fabio Paulo e que foi inaugurado a pasada semana.

“Non levamos nin unha semana de uso e xa estamos a falar dun proxecto morto. As deficiencias na execución da obra, sumadas á pésima planificación deste complexo deportivo, supoñen que se malgastou 215.000 euros nun skatepark que non cumpre os niveis de calidade acordes ao investimento realizado. Trátase dun erro imperdoable”, apuntou a concelleira da formación laranxa.

“A pista presenta filtracións de auga no bowl procedentes da zona axardinada. Ademais as xuntas do formigón tamén presentan deficiencias. O pulido, acabado necesario para realizar unha práctica deportiva de calidade, non se realizou ou se realizou de forma deficiente, o que non só dificulta a patinaxe, senón que supón unha carencia de seguridade para a integridade física dos patinadores. Non comprendemos como ante estas evidentes carencias, o Goberno local decidira tirar pola rúa do medio e recibir esta obra e inaugurala aos catro ventos a pesar de que é un complexo defectuoso e ineficaz que non cumpre a función para a que foi deseñada”, sinalou.

Louzao criticou a falta de capacidade de diálogo mostrada neste asunto polo Goberno local e considera “imperdoable” que a Concellería de Deportes, dirixida anteriormente por Miguel Fernández e agora por Mauricio Repetto, non atendese as numerosas advertencias do colectivo de patinadores representado pola asociación North Skateboarding Lugo, entre outras voces autorizadas.

“O Goberno local desperdiciou a experiencia dun colectivo composto por persoas que nalgúns casos levan máis de 25 anos vinculados con esta práctica deportiva. Desatenderon os coñecementos técnicos dos deportistas en contra do criterio de todos os colectivos de Galicia que levan denunciando esta chapuza desde inicios do 2020 sen que as numerosas advertencias servisen para nada”, apuntou a edila.

Investimento non acorde co resultado

Louzao sinalou que é importante facer pedagoxía para que a poboación non familiarizada coa práctica do skateboarding comprenda “ata que punto esta obra é unha chapuza”.

“Debemos lembrar que se trata dun proxecto mal concibido desde o principio, do que se falou de sobrecusto. Despois de coñecer os planos, os deportistas advertiron que a pista planificada non presentaba un deseño acorde co investimento realizado, aspecto ignorado por Fernández. Para iso só hai que facer un repaso dos skateparks executados nos últimos anos en España: o de Camas, en Sevilla contou cun orzamento de 228.526 euros e ocupa unha superficie de 2500 metros. A súa calidade, moi superior ao de Lugo, permítelle formar parte do circuíto nacional algo que nunca alcanzará o do noso municipio. O mesmo sucede co da Cidade da Cultura ou o do Parlamento , ambos en Compostela, ou o skatepark de San Vicente de Raspeig, en Alacante de custo similar ao de Lugo e moi superior. Pero hai máis: Nucia, Portonovo, Carballo…”, concluíu a edila.