Skip to main content
Lugo

Descartan que o incendio do Ceao se relacione coa situación da rede de augas

Por 23 Xullo, 2021Xullo 24th, 2021Sin comentarios

Trasladáronse no día de hoxe á Comisión de Contas as principais conclusións dos informes realizados polo xefe do Parque de Bombeiros e polo Servizo de Enxeñería sobre o incendio do Ceao para analizar dúas cuestións. Por unha banda, a actuación realizada polo Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento no que ten que ver cos medios humanos, materiais, a estratexia empregada e a resolución da intervención e, pola outra, as cuestións técnicas relativas á rede de subministración de auga no Parque Empresarial.

Desta maneira, ambos documentos, según a administración, conclúen que a xestión do incendio foi un éxito vendo as naves ás que afectou o incendio, así coma os materiais que contiñan.

“No primeiro caso, tanto no que ten que ver coa mobilización de efectivos e dotacións, así como no operativo desenvolvido e o tempo empregado ata a súa total extinción. E no segundo, o análise efectuado pon de manifesto a inexistencia dunha relación directa entre o funcionamento e o mantemento das redes de distribución e a suposta demora que alguén, terxiversadamente, quixo facer ver para comprometer o traballo profesional e rigoroso que se desenvolveu no seu abordaxe”, destacou Paula Alvarellos.

“Co ánimo de propiciar a crispación social e de obter réditos políticos nun momento de máxima dificultade coma ese, os grupos da oposición do Concello de Lugo relacionaron, torticeiramente, o devir do incendio coa existencia de deficiencias nas infraestruturas municipais co obxecto de comprometer a xestión política e o funcionamento dos servizos do Concello e de atribuírlles aos mesmos a propia magnitude que adquiriu o lume”, lembrou Paula Alvarellos que tamén recordou que a envergadura do lume e as proporcións que adquiriu, debido a diferentes factores, foi tal que as tarefas de extinción se prolongaron durante dúas semanas o que dá conta tamén do esforzo feito.

Dende a administración explicouse alén que, se ben, o informe técnico inclúe unha proposta de mellora das infraestruturas, tendo en conta a súa antigüidade – xa que datan dos anos 70 e 90, coincidindo coas dúas fases de construción do Polígono – resultaría “absolutamente irresponsable, ademais de falso, tratar de vencellar que a renovación recomendable de dotacións tan antigas coma esas fose causa directa na evolución que tivo o fogo”.

Aínda así, avanzouse que igual que se fixo este ano, asumindo cun millón de euros a substitución das canalizacións de fibrocemento en varios puntos da cidade, o executivo local ten previsto asumir progresivamente a renovación da rede tamén no Ceao, en función da dispoñibilidade orzamentaria.