Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo insiste en habilitar a zona onde están os paneis solares do Ceao

Por 25 Xullo, 2021Sin comentarios

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo seguen a convidar ao goberno local a aproveitar a zona que ocupa o parque de enerxías alternativas do Ceao e insiste en que se estude a posibilidade de crear neste espazo unha zona útil como un punto de recarga de vehículos eléctricos, un espazo para aparcar, ou zona de esparexemento.

Os concelleiros populares recordan esta proposta despois de coñecer na comisión que “o goberno local xa leva gastados neste punto máis dun millón de euros dende que se instalou no ano 2007. A isto se engade que este parque de enerxías alternativas só estivo en funcionamento dende 2014 a 2017, tempo no que foi totalmente deficitario xa que consumiu máis enerxía da que produciu, polo que podemos asegurar que é totalmente deficitario e un novo experimento fallido do PSOE”.

Para os concelleiros populares “a improvisación dos socialistas, sempre coa complicidade dos concelleiros do BNG, está a pasar unha factura desmedida ás arcas municipais, xa que quedou claro que neste punto se gastou preto dun millón de euros e non se sabe para que se instalou nin para que funcinou”.

Agora o goberno local está a estudar posibles novos usos para esta infraestrutura, pero o único que está claro e que, “sexa cal sexa o seu novo uso, haberá que desmantelar o que alí se pode ver a día de hoxe”.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular reiteran as propostas xa realizadas previamente: que se estude a posibilidade de crear neste espazo unha infraestrutura útil para o polígono como podería ser un punto de recarga de vehículos eléctricos, un espazo para aparcar, ou zona de esparexemento, sempre adaptando o chan á normativa existente.

Dende o Grupo Popular razoase esta proposta indicando como “neste momento nin se pode gozar deste espazo como zona verde, nin se pode aproveitar a infraestrutura que o PSOE montou hai 14 anos coa idea de fomentar o uso de enerxías alternativas pero que, a todas luces, foi un auténtico fracaso”.