Skip to main content
LugoO Corgo

Ofertan un curso sobre a xestión da PAC en Lugo e no Corgo

Por 26 Xullo, 2021Sin comentarios

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organiza un curso sobre aplicacións informáticas para a xestión da PAC. A acción formativa desenvolverase ao longo dunha xornada en horario de 15.45 a 20.45 horas e contará con dúas edicións que se celebrarán mañá e pasado en Lugo e no Corgo respectivamente.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Ao longo das cinco horas de duración desta acción formativa, instruirase aos alumnos na actualidade sobre a xestión da PAC e a súa condicionalidade, ademais da presentación das aplicacións informáticas relacionadas co tema. Deste xeito, ensinarase o funcionamento das aplicacións Sga@pp, Sgafot, InfoPAC, consultas PAC (que se encontra na web do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga-) e xestión información Sixpac.

Con esta programación, o obxectivo principal do curso é facer chegar aos titulares de explotacións agrarias a información precisa para que poidan anticiparse aos cambios tecnolóxicos que se precisan para xestionar as parcelas suxeitas ás axudas PAC, a súa condicionalidade e a subida de datos ás plataformas de xestión mediante apps específicas.

Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.