Este mércores 28 de xullo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo celebrarase unha xornada na que se debaterá e serán obxecto de análise as potencialidades dos recursos micolóxicos como activos forestais non madeireiros, a mellora da súa xestión económica e potenciación da estrutura produtiva.
Esta xornada, organizada polo grupo nacional Xestión dinámica innovadora dos recursos micolóxicos (Mikogest), investigadores, produtores e empresas debaterán sobre futuras iniciativas orientadas a valorizar un sector que en Galicia xa comeza a ser importante, aínda que podería ata triplicar a súa actual repercusión, segundo apunta o catedrático da USC Antonio Rigueiro.
A xornada Go Mikogest programada na sede universitaria luguesa servirá para coñecer diversas propostas para mellorar o aproveitamento destes recursos naturais a través dunha xestión dinámica e eficaz de sistemas de regulación da recolección, o que permitiría a todos os propietarios de montes ou terreos produtores desenvolver unha actividade sustentable e á vez eficiente e capaz de proporcionar moito máis valor engadido.
Programa das xornadas
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, e o xefe da área forestal da Cesefor, Roberto Rubio, inaugurarán, ás 9.30 horas, no salón de actos da EPSE, as xornadas técnicas e divulgativas, cuxa quenda de relatorios programadas se desenvolverá en sesión matinal. As persoas interesadas en participar nas xornadas, xa de xeito presencial ou telemático, poden formalizar a súa inscrición na web www.mikogest.net.