Skip to main content
Lugo

Lugo Cara ao Miño reclama o uso público do cauce do río ocupado polo Fluvial

Por 30 Xullo, 2021Xullo 31st, 2021Sin comentarios

A plataforma Lugo Cara ao Miño, quere poñer unha vez máis enriba da mesa a xa antiga demanda de recuperar para o uso público a beira do río, ata o de agora ocupada polo Club Fluvial. Co gallo da recente noticia do cese da licencia para o uso da beira do Miño ao Club Fluvial, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), esta Plataforma e outros colectivos sociais reuníronse novamente para “retomar a actividade e esta esixencia, co obxectivo de poder devolverlle ao río o seu uso público por parte da veciñanza, garantindo o respecto ao medio ambiente”.

Así mesmo, dende a Plataforma sinalan que a Concesión afecta a un espazo que se atopa dentro da Rede Natura, e é zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, ademais de ser a única zona de baño declarada no Concello de Lugo, que se leva utilizando durante décadas de forma privada e exclusiva polos membros desa sociedade.

Por iso, continúan defendendo que o Club Fluvial non só non respectou o obrigado camiño de servidume, senón que cada vez foi ampliando máis a súa actividade e gañando terreo ao río, de tal xeito que toda a zona recreativa está “comida” ao río, e construída en zona inundable e recheada, co conseguinte risco para as personas e para a correcta xestión das augas cando sube o nivel. Con iso, a plataforma Lugo Cara ao Miño explica que o Club Fluvial ocupa o Dominio Público Hidráulico en máis de 10000 m2 e, isto implica, ao contrario do que se vén informando nalgúns medios, que habería que derrubar todo o conxunto das instalacións, nomeadamente as pistas de tenis e baloncesto, o aparcadoiro, ou o propio muro, obras das que, por outra parte, se descoñecen con que informes, autorización ou estudios de avaliación de impacto ambiental foron realizadas.

“É evidente e manifesto que en Rede Natura non se permite este uso privativo (estaría dentro do eido que contempla a Directiva 92/43/CEE do Consello de Europa, de 21 de maio de 1992), e, en todo caso, sería preceptivo un estudio previo de impacto ambiental, do que non se ten constancia, polo que o que estaba a facer o Club Fluvial, co consentimento da CHMS tratábase dunha expropiación encuberta a favor dun ente privado e en contra da veciñanza” sinalaron dende a Plataforma.

Xa no seu día, esta Plataforma, así como outras agrupacións ecoloxistas e particulares, instaron á CHMS para recuperar a concesión e que, mentres non se fixera dita recuperación, toda a zona fora de uso público e de libre dispoñibilidade para a veciñanza, impedindo calquera privatización ou mercantilización do espazo público fluvial e das ribeiras do río.

Por todo o anteriormente exposto, dende Lugo Cara ao Miño, xunto cos colectivos sociais e ecoloxistas asinantes, reclaman o uso público do cauce do río, ata agora explotado polo Club Fluvial e dar cumprimento a legalidade derrubando todo o que foi construído sobre o Dominio Público Hidráulico.

Así mesmo, engaden que o Concello ou a Deputación cheguen a un acordo co Clube para que este espazo, única zona de baño que conta cas garantías sanitarias, que está dentro da Rede Natura, e no propio Dominio Público Hidráulico, e que ata o de agora estivo restrinxido ao uso das socias do Clube, sexa aberto á veciñanza para o seu uso e desfrute.