Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Adxudicadas obras de mellora en dúas estradas do sur da provincia de Lugo

Por 31 Xullo, 2021Sin comentarios

Adxudicados por preto de 2 millóns de euros as obras de mellora do firme de dúas estradas autonómicas do sur da provincia de Lugo.

Os traballos, adxudicados á empresa OVISA Pavimentos y Obras, comezarán na segunda quincena de agosto e terán un prazo de execución de 6 meses.

Trátase das actuacións de reforzo do firme ao longo de 22 quilómetros da vía de altas prestacións CG-2.1, que une Monforte de Lemos co Alto do Faro, e da LU-533, a estrada autonómica que comunica Chantada e Escairón.

As actuacións proxectadas permitirán a mellora do firme nestas dúas estradas, ao seu paso polos municipios de Monforte de Lemos, de Pantón, do Saviñao e de Chantada.

Máis en detalle, intervirase en case 12 km da vía de altas prestacións de conexión con Chantada, que continúa cara a Lalín, concretamente no treito entre Monforte e Escairón; e en algo máis de 10 km da estrada autonómica LU-533.

Segundo o grado de deterioro que presente o firme, realizaranse fresados de maior ou menor espesor, para garantir unha correcta execución dos traballos, incrementando a durabilidade e a adherencia; reforzando a seguridade e ofrecendo tamén maior comodidade de condución aos usuarios destas dúas estradas da Xunta. No caso da vía de altas prestacións, na CG-2.1, estenderase unha capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada.

Estes traballos completaranse coa limpeza e roce das cunetas e coa reposición da sinalización horizontal, marcas viarias e captafaros.

Estas actuacións forman parte do Plan de reforzo de firmes, no que se investirá este ano 4,6 M€ no acondicionamento do firme das estradas autonómicas da provincia de Lugo. As actuacións previstas están xa todas elas licitadas e o obxectivo é executalas ao longo do presente exercicio 2021.