Skip to main content
Chantada

A Deputación reclama un plan de axudas para os danos nas vides de Chantada

Por 27 Xullo, 2021Sin comentarios

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG para reclamarlle á Xunta de Galicia un plan de axudas directas para os viticultores e viticultoras afectados polos estragos nas colleitas provocados polas treboadas e o pedrazo do pasado mes de xuño na parroquia de San Fiz, en Chantada.

A voceira socialista do Goberno explicou que se viron afectadas varias parroquias e zonas dos concellos desta comarca, o que supuxo “máis de 70 hectáreas afectadas e 500.000 quilos de uva perdidos, pero hai que ter en conta que tamén haberá perdas nas producións dos vindeiros anos”. “Isto supón unha perda ambiental e económica que afecta ao sustento da economía de moitas familias de xeito directo e a moitas outras de maneira indirecta”, subliñou a Deputada.

Por estas razóns, indicou que “é precisa unha liña de axudas directas semellante á que o Executivo galego puxo en marcha no ano 2016 noutros lugares da provincia onde tamén o mal tempo estragou as colleitas e se viran afectadas un número de hectáreas moi semellante ao deste acontecemento”. Nese momento, habilitáronse 500.000 euros para os propietarios, con axudas de ata 15.000 euros por propietarios afectados, e a maiores destináronse 100.000€ para amañar os accesos aos viñedos, os muros e outras infraestruturas que se viran danadas.

García Porto subliñou que a día de hoxe a Xunta non contempla axudas para as persoas afectadas, nin para aqueles que non teñan seguros que cubran estes danos. “Instamos a que aprobe un plan de recuperación dos viñedos para minimizar a extensión dos danos e poder recuperar canto antes a produción nas súas plantacións. É oportuno pedir esta axuda este ano porque a Xunta presume de orzamento récord e nos lamentamos que estas axudas non se concedan cando supoñen pouco esforzo orzamentario”.