Skip to main content
Monforte

O pazo de Tor celebra o seu 15 aniversario coma espazo museístico

Por 15 Xullo, 2021Xullo 17th, 2021Sin comentarios

O pazo de Tor celebra o vindeiro sábado o quince aniversario da súa apertura como espazo expositivo da Rede Museísitca Provincial cun concerto do grupo de folk céltico Tor.

A formación, que reúne os músicos e investigadores Cástor Castro (frautas de madeira), Félix Castro (anglo concertina, acordeón diatónico e gaita galega), Álvaro Iglesias (contrabaixo) e Xosé Liz (bouzuki, guitarra acústica e mandolina), interpretará un repertorio de temas instrumentais tomados da tradición galega, con arranxos contemporáneos.

O grupo estará acompañado por un elenco de artistas convidados que singularizarán a súa actuación no pazo monfortino: o violinista Pancho Álvarez, a pandeireteira Soco Rúa e a parella de baile formada por Lucía Cedrón e David Leadbeater.

O concerto celebrarase ás 19.00 horas, no exterior, se o tempo o permite. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade, que se establecerá en función da normativa vixente.

15 aniversario como espazo museístico

O pazo de Tor abriuse como museo o 13 de xullo do ano 2006, despois das obras de acondicionamento e melloras do edificio.

O edificio foi construído no último tercio do século XVIII aínda que conserva algún vestixio anterior e foi tamén afectado por algunha reforma posterior (como as reparacións efectuadas tralo seu incendio polas tropas napoleónicas). É encadrable dentro do estilo barroco, de longa persistencia en Galicia, pero xa matizado por certo sentimento estético neoclásico, visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas.

Os elementos decorativos concéntranse nas fachadas e a organización interna do edificio diferencia claramente un baixo de servizo que alberga as dependencias necesarias en toda facenda agropecuaria (cocheiras, adegas, cortes, tullas, vivenda dos criados e caseiros…) e un primeiro andar reservado para residencia dos donos do pazo.

A visita ó pazo de Tor non só permite coñecer de primeira man unha das máis importantes mostras da arquitectura pacega galega, permite tamén coñecer integramente todas as salas e dependencias co seu mobiliario orixinal e coas coleccións artísticas da, un testemuño privilexiado do modo de vida da nobreza na Galiza da Idade Moderna.