Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte pide que se continúe co proxecto da A-76

Por 15 Xullo, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos vén de rexistrar unha moción, a través da que pide ao goberno local que inste ao ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana a concluír a redacción do proxecto de construción do treito Monforte-A Babela da A-76, así como a licitar as correspondentes obras á maior brevidade posible para continuar co impulso desta infraestrutura que vertebraría o sur da provincia con Ourense e coa Meseta.

Os populares queren deste xeito “presionar para que esta autovía, que deixara encamiñado o Partido Popular, non quede metida nun caixón como todo apunta que vai pasar, pois o retraso que acumula o proceso de redacción é xa de dezaseis meses”.

O Boletín Oficial do Estado publicaba en setembro de 2018 o anuncio de formalización do contrato para a redacción do proxecto por valor de 523.504 euros, cuantificando o prazo de execución en dezaoito meses. Esta actuación afectaría a un treito de 7,7 quilómetros de lonxitude e a tres enlaces. Neste senso, o prazo expirou en marzo de 2020 e, a día de hoxe, “pouco ou nada sabemos do que pensa facer o Goberno”, segundo advirte a voceira Katy Varela.

Precisamente, a dirixente dos populares monfortinos considera que “este silencio é o que fai saltar todas as nosas alarmas, de aí que decidamos levar este asunto ao pleno, xa que Tomé, na súa condición tamén de presidente da Deputación, debería de porse en contacto cos seus amigos na Moncloa e evitar que Monforte e o sur da provincia queden sen a autovía que, repito, deixara encamiñada o goberno do PP”.

E é que, de ser así, remarca Varela, “os socialistas de Monforte e da provincia estarían sendo cómplices e corresponsables do que sería un agravio con grandes prexuízos para o impulso socioeconómico de toda a comarca”.