Skip to main content
Monforte

Monforte celebra un curso sobre apicultura

Por 19 Xullo, 2021Sin comentarios

O centro de formación e experimentación agroforestal de Monforte de Lemos acolle no día de mañá -20 de xullo- un curso sobre apicultura.

O curso -que contará cunha duración de 8 horas repartidas en dúas xornadas de tarde- centrarase nos fundamentos teóricos da cría de abellóns (macho da abella) e as súas peculiaridades xenéticas. Tamén se abordarán os sistemas de crianza máis empregados e a produción intensiva de núcleos (colmeas). Na parte práctica, abordarase a preparación da colmea para a produción de abellóns e a elaboración dos núcleos máis comúns.

O obxectivo é transmitir ao alumnado a importancia de traballar tamén na parte da cría dos machos de abella e o seu papel fundamental nos acoplamentos, complementando desta forma a crianza de raíñas para obter uns resultados óptimos. Desta forma, preténdese fomentar a profesionalización do sector apícola, un eido agrario de gran repercusión económica e medio ambiental que está en auxe nos últimos anos.

Canto aos participantes, a acción está dirixida a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.