Skip to main content
Monforte

Realizado o acto de inauguración da ampliación da sede Amafer

Por 29 Xullo, 2021Xullo 30th, 2021Sin comentarios

Este mércores foi o acto de inauguración da ampliación da sede que a Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril (AMAFER), ten na cidade do Cabe, unhas melloras que a entidade acometeu coa colaboración económica da institución provincial por importe 10.556 euros.

Logo de firmar no libro de honra, Tomé Roca puxo en valor o traballo que desenvolve o colectivo dende 1996 “para salvagardar e poñer en valor a memoria ferroviaria da capital da Ribeira Sacra” e engadiu que “polas vías do tren viaxou sempre o futuro de Monforte e da provincia de Lugo”.

Apuntou que “ser amigo do ferrocarril implica orgullo do pasado, confianza no presente e desexo de seguir medrando no futuro” e sinalou que “como Presidente da Deputación de Lugo estou convencido de que seguiremos convertendo esta amizade en colaboración e en capacidade para traballar xuntos pola nosa provincia”.

A Deputación de Lugo colaborou con AMAFER cunha axuda de 10.556 euros para a renovación e ampliación do seu local. A reforma consistiu en unirlle ao actual inmoble un conxunto de estancias anexas que lle proporcionarán máis amplitude ao pasar dos 111,70m2 aos 153m2. Os traballos permiten a esta entidade contar cun espazo máis diáfano e acondicionado para o seu centro de documentación e tamén para actividades como exposicións, conferencias ou concursos literarios que se organizan no local.

No acto tamén estiveron presentes o director xerente da Fundación dos Ferrocarrís de España, José Carlos Domínguez, e o director da Asesoría Xurídica e Vías Verdes, Jesús Benítez. Esta fundación, constituída en 1985 co fin de recuperar, custodiar e difundir o patrimonio ferroviario, cedeu a AMAFER nove cadros de gravados que, tal e como explicaron os seus responsables, “son auténticas xoias con temática ferroviaria, pertencen á colección da fundación e foron cedidas polo coleccionista e propietario das obras, Luis Díaz Guerra”.