Skip to main content
Monforte

Monforte busca poñer en valor o casco histórico

Por 30 Xullo, 2021Xullo 31st, 2021Sin comentarios

Monforte de Lemos busca unha mellor proxección turística e tamén unha mellor posta en valor da cidade a través de diferentes actuacións nas que se dea visibilidade ao casco histórico e aos diferentes elementos de valor cos que conta.

Para iso, José Tomé Roca mantivo este xoves un encontro co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, no marco dunha visita do representante do Goberno do Estado ó concello monfortino, que serviu para “analizar as posibilidades de colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo e o Concello para poñer en valor o casco histórico importantísimo que temos, así como os seus elementos singulares, que teñen unha proxección turística moi importante”, explicou o rexedor.

José Tomé asegurou que, coa visita de Valdés, que foi acordada entre ambos na pasada edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), abriuse un espazo de diálogo de cara a levar a cabo actuacións “para conservar o patrimonio e que ese patrimonio potencie o atractivo turístico de Monforte e do conxunto da Ribeira Sacra porque ambos están moi interrelacionados, falar de Monforte é falar da Ribeira Sacra, e viceversa”.

Así mesmo, afirmou que o Concello xa ten exposto ó Secretario de Estado cales son as necesidades de Monforte “e o que analizamos agora son as posibilidades de colaboración para levar a cabo actuación, basicamente situadas no casco histórico, declarado conxunto histórico artístico no ano 1973”. “Despois de aprobar o Plan Especial de Protección do Casco Histórico, é o momento de empezar a facer actuación concretas”, explicou o Alcalde, explorando unha colaboración que nunca antes se abordara.

Plan de Modernización y Competitividad

Antes de visitar a Muralla Medieval e a Torre da Homenaxe, José Tomé compareceu ante os medios de comunicación acompañado do Secretario de Estado de Turismo, quen neste sentido apuntou que o Plan de Modernización y Competitividad del Sector Turístico, dotado con 3.400M€ de fondos europeos, “dispón de recursos para abordar a posta en valor do patrimonio de Monforte como expoñente en canto ó patrimonio de uso turístico”.

Valdés subliñou as capacidades desta ferramenta de financiamento, “tanto en materia de conservación do patrimonio histórico e cultural de uso turístico, como para desenvolver plans de sostibilidade que permitan a transformación do destino en materia de enerxética, e de transición verde e dixital”.