Skip to main content
Monforte

Rematadas as obras no Centro de Educación Especial de Monforte

Por 30 Xullo, 2021Sin comentarios

Rematadas as obras de rehabilitación integral do Centro de Educación Especial (CEE) Infanta Elena de Monforte de Lemos, nas que se investiu preto de 900.000 euros (o orzamento de adxudicación foi de 876.128 euros).

Estes traballos desenvolvéronse nos últimos meses compatibilizando a súa execución coa actividade escolar para garantir a máxima seguridade.

Ademais, o proxecto tiña o dobre obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do centro e acometer traballos de diferente tipoloxía para modernizar as instalacións e facelas más cómodas e funcionais.

No que atinxe á eficiencia enerxética, o programa de obras incluíu o illamento da fachada polo exterior mediante sistema SATE, así como do forxado baixo cuberta, ademais da substitución de parte da cuberta por unha nova de panel sándwich con acabado de chapa nervada de aceiro e illamento intermedio, con novos canlóns e baixantes.

Así mesmo, procedeuse a instalar fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e persianas con illante térmico interior; e substituíronse as luminarias por outras con tecnoloxía LED.

Tamén se incluíron medidas para mellorar a accesibilidade, como a execución de novas ramplas na zona de porche e o acondicionamento das existentes. Así mesmo, reformáronse os aseos do alumnado nas plantas baixa e primeira, así como os vestiarios e aseos da zona residencial. Esta renovación incluíu solados, revestimentos, equipamento, fontanería, saneamento e, nalgúns casos, ventilación.

A maiores colocouse un novo pavimento de tarima nas aulas de psicomotricidade, fisioterapia e salón de actos; novos falsos teitos en varias aulas e espazos, como o comedor; substituíronse portas e renovouse a pintura interior.

Por outra banda, ampliouse a porta de acceso á parcela para facilitar a entrada de autobuses de transporte escolar e dotouse dun novo pavimento tanto a explanada de aparcadoiro e paradas de buses como as beirarrúas perimetrais.