Skip to main content
A Pobra do Brollón

Comezan as visitas guiadas na Pobra do Brollón

Por 16 Xullo, 2021Xullo 17th, 2021Sin comentarios

Xa comezou a campaña de visitas guiadas de verán do Concello da Pobra do Brollón, baixo o lema Déixate guiar. No programa ofértanse ata finais de agosto cinco visitas para coñecer o patrimonio natural, cultural e arqueolóxico da Pobra do Brollón.

As visitas vinculadas á arqueoloxía son tres: o castro de San Lourenzo de Cereixa, os conventos en Vilachá de Salvadur e, como novidade deste ano, Penas do Castelo en Salcedo.

Estas visitas divulgan as pescudas realizadas no marco dos seus respectivos proxectos de arqueoloxía en comunidade, incorporando datos e historias recollidos dos veciños.

A visita aos Conventos compleméntase moi ben coa das adegas tradicionais de Vilachá, onde os visitantes poden coñecer o lugar e o viño da man de adegueiros locais.

Por último, a visita a Cova das Choias en Óutara permite coñecer o musgo luminescente, as colonias de morcegos e máis os seres mitolóxicos que habitan o lugar. Trátase dunha visita de acceso limitado para protexer a flora e fauna da cova.

Todas as visitas ofrécense baixo demanda, de mércores a domingo ás 11.00 horas, excepto a Cova das Choias que se ofrece unicamente sábados e domingos.

A reserva é obrigatoria nos teléfonos 650 624 828 (para Os Conventos, adegas de Vilachá e Penas do Castelo) e 674 939 673 (para cova das Choias e castro de San Lourenzo).

Para máis información os interesados poden consultar a páxina web do Concello da Pobra do Brollón.