Skip to main content
Quiroga

Quiroga continúa co verán cultural

Por 31 Xullo, 2021Sin comentarios

Quiroga abre agosto da mellor forma posible; con actividades, espectáculos e cultura. Desta maneira, a vila ofrece diferentes pasatempos dirixidos a todas as idades e gustos para que veciños, veciñas e visitantes gocen dun verán de lecer e de ocio.

Así pois, o día 4 comezarán as actividades a través da exposición Kinetiko de Xira Paus a cargo de Marionetas Trécola encargada de abrir este mes de agosto cultural. Trátase dunha mostra de bonecos e monicreques que a través de diferentes mecanismos pódense mover e producir sons. A exposición ofrece ademais a particularidade de que os visitantes poidan xogar manexando os mecanismos das pezas e ver como funcionan.

A continuación, do día 5 ao día 7 celebraranse torneos de 3×3 de voleibol e de fútbol sala para que o deporte tamén estea presente na vila en verán.

A celebración da XXX Mostra do Mel, o día 10 de agosto e varias actividades relacionadas co mundo da apicultura como unha exposición de Apicultura Tradicional Galega ou unha charla sobre Apiturismo no Courel: Ruta das alvarizas de Seceda, organizadas pola Asociación Galega de Apicultura; centrarán estes primeiros días de agosto.

En canto a animacións de rúa, dirixidas ao público máis pequeno, chega a Quiroga o espectáculo Patrimonio Natural a cargo de Mamá Cabra do programa da Rede de Bibliotecas de Galicia -o día 6 – e O séquito do capitán Nemo, a cargo de Barafunda do programa Cultura no Camiño -o día 7-. Dúas actividades centradas nos máis cativos para que disfruten con espectáculos, así coma dun concurso de pintar con xiz no chan.

Por outro lado, a maxia tamén chegará á vila a cargo de Mágico Brais Estrelas Máxicas. En canto a música tradicional, virá a cargo do grupo de gaitas O Recanto, a actuación da charanga Europa e a actuación do grupo de acordeóns O Folión do programa Musiqueando pola provincia de Lugo complementarán un verán cultural que tamén terá tres importantes concertos. O primeiro, o día 7, será o de Andrea Pousa presentando o seu novo disco Retorno, o segundo será o de Roi Casal o día 8 e, finalmente, o de Lys Pardo o día 10 de agosto.

Rematan desta maneira unhas xornadas festivas cheas de actividades diferentes coas que poder aprender e disfrutar da cultura. Música, exposicións e bo ambiente, nuns días para gozar dun verán diferente e ameno.