Skip to main content
O Saviñao

Renovado o parque infantil do Palomar cun investimento de 102.000 euros

Por 3 Xullo, 2021Sin comentarios

O alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, inaugurou oficialmente este venres o parque infantil do Palomar. Deste xeito, o núcleo urbano de Escairón conta cunhas instalacións totalmente renovadas, situadas na rúa Xan de Forcados, e nas que a entidade local investiu 102.000 euros, financiados na súa totalidade con fondos propios.

A obra tivo varias melloras, das que o rexedor destaca, principalmente, a iluminación nocturna tipo LED. A renovación incluíu o parque infantil completo con chan en caucho para protexer aos usuarios das caídas, a instalación de distintos elementos de xogo e, como compoñente novidoso, a montaxe dunha tirolina e equipación complementaria como dúas zonas de merendas para acompañantes.

Dende o goberno local indican que o obxectivo era “dotar dun espazo seguro e útil para os nosos nenos e nenas que, como todos sabemos, xa están desfrutando as súas vacacións escolares”. “É un lugar máis de ocio que poñemos en marcha no Saviñao, co fin de crear alternativas lúdicas e facer atractivo o noso núcleo urbano tamén para todos os que nos visiten durante os meses de verán”, sinala Armesto.