Skip to main content
Comarca SARRIAXAPortomarín

A exposición de Xela Arias está aberta en Triacastela, Samos, Paradela e Portomarín

Por 27 Xullo, 2021Xullo 28th, 2021Sin comentarios

A exposición Aquela nena de Sarria, en homenaxe a Xela Arias no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas, xa está aberta ao público de xeito simultáneo nos concellos de Triacastela, Samos, Paradela e Portomarín, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e impulsada polo Colectivo Egeria, encargado do seu comisariado. Poderán verse ata mediados do vindeiro mes de agosto, nos propios concellos ou na casa da cultura, no caso de Paradela.

A mostra, que se desenvolverá paralelamente nestes catro concellos, está composta por tres prismas con paneis que reflicten aspectos da vida da autora xunto con poemas e textos que lle dedican dende destacados escritores galegos ata alumnos e alumnas dos institutos sarriaos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández. Tamén inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e debuxos da pintora lucense Sabela Arias.