Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Somos unha sociedade ao servizo da vila”

Por 11 Xullo, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Pepe Quiñoá conta como evolucionou a Sociedade Cultural A Unión, da que é o presidente dende o ano 2008, así coma as actividades programadas nun futuro próximo.

No ano 2019, A Unión cumpriu 100 anos, como cre que foi evolucionando a asociación ao longo do tempo?

A asociación foi evolucionando positivamente sempre. Ao longo do tempo medramos en socios, en propiedade e en actividades e conseguimos cumprir 100 anos que non é algo sinxelo nunha sociedade. Esta foi o xerme de moitas actividades e deportes dentro da comarca e da vila de Sarria: foi o promotor do fútbol en Sarria, impulsou tamén o primeiro equipo de baloncesto na vila, fomentou a asociación cultural Meigas e Trasgos de Sarria e, actualmente, unha das actividades que destaca é que conta cun cine club que leva moitos anos funcionando. Anteriormente, a sociedade facía outro tipo de eventos e o que realizaba principalmente eran festas e tertulias. Agora, co paso dos anos, fanse outro tipo de actuacións e de actividades, dende conferencias a ximnasia, pilates, ioga, bailes de salón, de sevillanas e tamén temos un club de billar. De feito, unha das actividades que destaca é un grupo de cantos de taberna que antes de comezar a pandemia contaba con 32 compoñentes. Grazas a todo este movemento estamos atraendo a moita xente e, algo que cambiou respecto a outros anos, é que antes era moi típico ser socio da Unión, sen embargo, non se acudía con frecuencia a ela. Con este tipo de actividades e eventos conseguimos que a xente acudira a Unión e chegaban todas as semanas sobre 150 socios, algo que nos parece fundamental. Así foi evolucionando a Unión, promovendo e impulsando diferentes eventos de ocio na vila de Sarria.

A Xunta Directiva continúa sendo a mesma despois das eleccións, que obxectivos tedes?

A Xunta Directiva leva sendo a mesma dende o 2008. Así pois, dende dentro da mesma valoramos moito tanto o edificio da Unión coma o espazo que temos arredor que son coma 4.000 metros cadrados. Por esta razón, acabamos de facer actuacións importantes dentro da sociedade como foi a reparación das galerías, puxemos ascensor, pintamos a parte superior, puxemos piso na parte inferior… Fixemos varias accións nun dos aspectos emblemáticos da Unión coma é o edificio. Ademais, tamén consideramos fundamental seguir mantendo e embelecendo os xardíns xa que é o único xardín que queda en Sarria para a vista e o servizo dos veciños e veciñas.

Hai algún evento ou actividade programada na Unión de Sarria un futuro próximo?

Estamos programando varias actividades. De feito, xa teríamos que ter comezado pero coa actual situación en Sarria estamos algo parados. Unha actuación que temos preparada é o concerto da banda Filarmónica de Lugo para o día 24 de xullo ás 19.30 horas. É un evento aberto a todo o público porque está patrocinado pola Deputación. Hai que diferenciar xa que na Unión hai actividades abertas ao público e pechadas para os socios. Cando son promocionadas por Concello ou pola Deputación son sempre abertas para toda a vila de Sarria e visitantes.

Por outro lado, queríamos empezar co cine de verán que facemos no exterior. Proxectamos películas e suele facerse nos meses de xullo e agosto, ás once da noite os venres. Agora mesmo, estamos pendientes da covid para ver como evoluciona e poder retomar as actividades canto antes.
Ademais, outro aspecto que estamos preparando e que está casi rematado é o libro conmemorativo do centenario da Unión. Tan pronto coma o teñamos, estará disposto para todos os socios. Nel vai toda a historia da Unión e do pobo de Sarria. Finalmente, outra actividade importante que temos son as exposicións fotográficas. Temos sobre 4.000 fotografías recopiladas da historia da vila de Sarria. Todos os anos faise unha exposición durante un mes dalgún tema en particular para ir variando as fotos e que non sexan sempre as mesmas. Suelese facer en agosto pero aínda non sabemos que ocorrerá este ano.

Que aporta A Unión a unha vila coma Sarria?

É unha sociedade cultural polo que o primeiro que lle aporta é cultura. Ademais diso, aporta actividades que se atopan dentro da programación con profesores cualificados, todo isto de forma gratuíta para os socios. Un socio non é unha persoa física, senón que é unha unidade familiar, ben sea unha parella, unha parella con fillos, etc. Así mesmo, tamén celebramos festividades, coma por exemplo, o magosto, no que é tradición invitar a todos os socios a unha cea con festa e baile posterior. De feito o último ano participamos 260 persoas.

Como viviu a sociedade A Unión a covid19? E en relación aos socios?

Os socios vanse mantendo para sorte nosa. Eu quedei sorprendido do bon facer dos socios, de manterse nunha situación tan complexa. Evidentemente houbo algunha baixa pero tamén se fixeron altas. Manteuse o número de socios e andamos arredor de 500.

Continúa activa a emisora de radio?

Sí, segue activa o que pasa é que con esta situación practicamente non podemos traballar e tivemos que parar pola falta de actividades. De feito, este ano empezamos pero non puidemos continuar. Antes da pandemia, estabamos programando unha actuación mensual e a nosa idea era que fora semanal. Con estas circunstancias non podemos, sen embargo, en canto se poida, voltaremos a poñela en funcionamento.

Como a valorades esta iniciativa?

Moi positiva; hai que pensar que o último dato que tiñamos da última vez que se emitiu en época normal conseguimos uns 15.000 oíntes. Para a Unión é fundamental porque permite dar a coñecer aos socios tódalas actividades que se fan, como marcha o funcionamento da Unión, etc.

Que destacaría da asociación? Considera que hai algún punto negativo ou algo para mellorar?

Mellorar hai que mellorar sempre aínda que non crea que teñamos puntos negativos. Temos en mente moitas cousas; un mural nunha fachada enorme que está pegada aos xardíns e que xa falamos co concello, continuar coa mellora dos propios xardíns… Son actuacións que buscan embelecer e facer máis vistosa a vila de Sarria porque se quixeramos embelecer só a sociedade poderíamos pechala por completo e continuar coa mellora. Nós o que queremos é colaborar e facer unha sociedade aberta á vila e, de feito, non eramos nin somos unha sociedade elitista. Antigamente, para facerse socio había que sinalar a profesión e temos copias de fai 50 anos ou máis das distintas profesións que pertencían á Unión: carpinteiros, reloxeiros, ferreiros, avogados, xastres, notarios… Non había distinción. Por iso, somos dende sempre unha sociedade ao servizo da vila.