Skip to main content
Sarria

O muíño do Toleiro continúa esquecido e abandonado

Por 10 Xullo, 2021Xullo 11th, 2021Sin comentarios

O paseo do Malecón de Sarria é un dos lugares máis transitados e con máis historia da vila, chea de terrazas, de comercios e de vida, ao tratarse na súa maioría de establecementos de hostalaría. O tramo central apareceu por promoción privada de Basilio Gayo e Fernando Rubal, que foron os encargados de parcelar o leiro de Batallón e pór un muro de contención entre a ponte do Toleiro e a presa do muíño do Toleiro. Máis tarde, continuaron as obras na zona pero, desta vez, feitas polo Concello de Sarria que fixo o tramo da ponte de Ferro e a ponte do Toleiro, así coma o tramo dende a presa do muíño ata ponte Ribeira.

Así pois, o Malecón é o encargado, ademais, de albergar nada máis e nada menos que unha construción que data de finais do século XII, o muíño do Toleiro. Esta infraestrutura funcionou ata o ano 2000, ano no que se atopaba nun estado de conservación óptimo e no que sarriaos e sarriás desfrutaban dun pedazo de historia na vila.

A Consellería de Industria, dirixida por Fernando Blanco, decidiu adquirir o inmoble e o terreo no ano 2007 por un importe de algo máis de 780.000 euros. Ese ano, dende a administración autonómica, anunciaron que a súa idea era crear no lugar un albergue para peregrinos, así coma o Centro da Unesco en Sarria. A idea continuou e, nese mesmo ano, deuse a coñecer o proxecto para rehabilitar o lugar.

Sen embargo, ese proxecto nunca se levou a cabo e o edificio caeu no olvido. Anos despois, no 2015, fíxose un convenio entre a entidade autonómica Xacobeo e o Concello de Sarria na que se lle cedía o emprego do muíño a este segundo interesado por 25 anos para rehabilitalo e darlle uso cultural e turístico, algo que tampouco chegou a ocorrer. De feito, tan só un ano despois, o goberno local decidiu rescindir o contrato, algo que dende o Xacobeo non se soubo ben e que se resume en que os anos seguiron pasando e ningunha das entidades realizou ningunha actuación para que o inmoble non continuara co seu deterioro.

Actualmente, o muíño presenta un estado lamentable e ruinoso a pesar das queixas de veciños e veciñas. De feito, en outubro do 2020, parte da cuberta caeu deixando o interior do inmoble ao descuberto para que a choiva e outros fenómenos atmosféricos -entre outras- avancen no seu desgaste, algo que se suma á ventás rotas e a paredes en mal estado. Continúa desta maneira, unha imaxe de abandono en pleno centro de Sarria visible para turistas e para veciños e veciñas que ven como se derruba unha parte da historia da vila.