Skip to main content
Triacastela

O PSOE de Triacastela denuncia a falta de sanitarios no centro de saúde

Por 2 Xullo, 2021Sin comentarios

Os socialistas de Triacastela denuncian que están sen médico para atender aos 600 veciños e veciñas da vila. “Esta é a política sanitaria do PP, abandonar a todo un pobo. Non podemos continuar con este castigo sanitario, e mentres a alcaldesa e todo o seu Goberno sigue impasible, sen mover un só dedo para arranxar esta situación”.

Os socialistas din que “nestes intres o centro de saúde só dispón dun só medico, unha ATS e un PSX para a atención sanitaria no Concello. Pero dende fai un tempo a médica de Triacastela está de baixa, e a día de hoxe o SERGAS non contratou a ningún facultativo para substituíla, polo tanto os doentes son atendidos polos sanitarios do PAC de Sarria, o que fai que cada día é un médico distinto o que realiza a consulta no Centro de Saúde de Triacastela”.

Diante deste panorama, “coñecemos ademais pola propia veciñanza que esta situación vai empeorar, xa que temos coñecemento de que no Centro de Saúde de Triacastela soamente vai consultar un médico tres días na semana do PAC de Sarria o luns, o xoves e o venres. E mentres os restantes días, é dicir, martes e mércores, o que precise consulta médica terá que desprazarse ao Centro de Saúde de Samos”, advirten.

Sintrón os mércores

“Ademais hai que lembrar que os mércores é o día que están programados os controis de Sintrón na veciñanza. Polo tanto, tódalas persoas que teñen que realizar eses controis terán que facelos en Samos, estamos falando de persoas de idade avanzada que en moitos casos non dispoñen de medio de transporte para acudir á consulta”, denuncian.

Camiño de Santiago

Dende a Agrupación Socialista de Triacastela engaden que esta situación vese agravada “co incremento da poboación vacacional e sen esquecer que estamos en pleno Xacobeo 2021-2022, e xa se estar a notar o incremento de xente que fai o Camiño de Santiago, o que fai que a presión asistencial aumente considerablemente no Centro de Saúde de Triacastela”, insisten.

Queremos solventar esta grave situación

“Ao PP enchéselle a boca falando do Ano Santo 2021-2022, pero non fan nada para que os veciños polos que transcorre o Camiño poidan ter unhas condicións dignas de vida, é polo que se ve tampouco lles importa moito a saúde dos peregrinos. Por iso insistimos, queremos solventar esta grave situación petando en tódalas portas cantas sexan precisas, e dende o Concello adoptar os acordos necesarios para esixir a Xerencia de Atención Primaria que solucione esta situación que afecta tan gravemente á nosa veciñanza” , conclúen.