Skip to main content
Comarca TERRACHÁXA

O SLG denuncia os recortes sanitarios que sofre a Terra Chá

Por 14 Xullo, 2021Sin comentarios

“Centros de saúde pechados ou cun funcionamento parcial dos servizos (Parga, Baamonde etc)”, “prazas de medicina familiar sen cubrir ou cubertas cada día con un profesional diferente, como nos centros de saúde de Vilalba e Xermade”, “abuso das citas telefónicas”, son algunhas das deficiencias denunciadas pola veciñanza, e que se veñen de colocar en coñecemento da Consellaría de Sanidade por parte do Sindicato Labrego Galego da Terra Chá.

Para canalizar estas múltiples queixas arredor de carencias no sistema sanitario, que o Sindicato foi recollendo nas súas oficinas, vén de ser entregada por rexistro unha solicitude para unha reunión coa xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco Varela. Na solicitude recollen situacións en que centros de saúde están a ofrecer atención “en servizos mínimos”.

“Á situación de excepción sanitaria”, denuncian, “hai que sumar vacacións, xubilacións do persoal sanitario, dándose casos de prazas sen cubrir ou cubertas de forma deficitaria”. Din que hai centros de saúde en que cada día se ofrece atención presencial de un médico diferente, e en que a recomendación de 1.300 pacientes por médico -e o límite de 1.500- se ven sobrepasados claramente.

A organización fai notar ademais a “inxustiza duns recortes que virán afectar especialmente aquelas familias ou persoas con menos medios económicos”. E de que nunha comarca con poboación moi envellecida, “este recorte de servizos sanitarios repercute directamente neste segmento de poboación que é máis vulnerable”.

Denuncian que na comarca, como noutros moitos concellos rurais da Galiza, “estase dando á par do envellecemento da poboación un despoboamento a un ritmo inasumible socialmente”. E ao fío disto, desde o SLG fan notar a incoherencia da administración autonómica coa propia Lei 5/2021 de Impulso Demográfico de Galicia, aprobada hai apenas uns meses no Parlamento. Esta ten, como un dos seus eixos fundamentais, o reequilibrio territorial e a compensación na dotación de servizos no medio rural coa poboación mais envellecida.