Skip to main content
Comarca TERRACHÁXA

O SLG denuncia abusos laborais de Surexport na Terra Chá

Por 18 Xullo, 2021Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego denunciou os abusos laborais de Surexport na Terra Chá comunicados por unha traballadora. O relato recolle un ambiente en que “as ameazas de calquera tipo eran constantes” e dirixidas, especialmente, ás persoas migrantes. “Fomentan unha competitividade extrema” coa ameaza do despedimento “se non recolles cantidades desorbitadas de arando en xornadas de 12 horas”. Partindo dun contrato de 39 horas, a empresa presiona para facer horas extras que poden chegar a igualar as horas ordinarias dunha xornada e que, porén, son pagadas “a seis euros, cando o estipulado é a doce euros”.

Surexport determina unha parada “de 30 minutos para comer un bocadillo, pero fanche saber que só pagan 15 deses minutos“. Nun campo en que traballaban “unha media de 300 persoas“, esta traballadora denuncia que “apenas había auga corrente para asearse”, e que as instalacións obrigaban a comeren “hacinados, sen distancia de seguridade nin máscara“. 

A empresa freta autocarros en que deslocaliza boa parte dese persoal de orixe migrante desde Huelva. É nesta provincia que a Surexport ten a súa orixe e nela ten protagonizado diversos conflitos sindicais e denuncias públicas polas condicións laborais das súas grandes extensións de invernadoiros. 

A máis recente, nesta mesma semana, en que un traballo do portal de investigación Danwatch sobre as condicións de traballo “inhumanas, abusivas e, en moitos casos, ilegais” nos campos levou a varias cadeas de supermercados danesas a suspenderen as súas relacións comerciais con varias empresas, entre as cales Surexport. 

Posta en coñecemento da Consellaría de Traballo 

Diante do coñecemento desta denuncia, o Sindicato Labrego Galego quere contribuír á visibilización da situación e reclama das administracións unha actitude activa de investigación dos feitos e salvagarda dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores da Surexport. A existencia e cumprimento claro das condicións do contrato e a desaparición de tratos degradantes ou inhumanos, non poden ser cuestións ignoradas. Ademais de participar da denuncia pública deste feitos, o Sindicato Labrego vén de llos facer constar a través de rexistro á Consellaría de Traballo. 

Unha situación como esta non pode ser lida como illada dun modelo, o da agroindustria e as grandes distribuidoras, volcado en dar prioridade ao lucro económico por cima de calquera outro criterio. Os novos ‘mares de plástico galegos’, como algún medio xa os ten cualificado acriticamente, levan uns anos a se instalar, e aproximar unha experiencia de abusos que é xa de longo percurso noutros territorios. As loitas das organizacións obreiras do campo andaluz ou a mobilización dende os feminismos en apoio ás jornaleras en lucha, colocan enriba da mesa a natureza global dun modelo que estende sen medida as súas consecuencias, do acaparamento de terras á desregulamentación laboral.