Skip to main content
Abadín

Veciños de Abadín solicitan unha residencia de maiores

Por 1 Xullo, 2021Sin comentarios

Un grupo de veciños de Abadín veñen de iniciar o proceso para solicitar que no municipio se constrúa unha residencia para a terceira idade. Os promotores da medida, residentes en diversas parroquias do municipio, comezaron por expoñer o seu obxectivo nun comunicado que está a repartir por todo o termo municipal co obxectivo de recoller firmas nas follas que están a colocar en diferentes negocios.

Unha vez completado este proceso, entregarán as mesmas a unha administración, o Concello ou a Deputación, para facer chegar a súa reivindicación.

O punto de partida da súa campaña é a falta dun xeriátrico no municipio, o que obriga a veciños a acudir a outras localidades cando se ven obrigados a usar un servizo dese tipo. Para os impulsores desta iniciativa, así se crea un prexuízo aos maiores, así como aos seus familiares e achegados, xa que o contacto vaise reducindo.

Na proposta non se recolle ningunha localización concreta. Os promotores recoñecen que poderían ser válidos algúns lugares -por exemplo, Fraiás, onde hai terreo útil-, aínda que sosteñen que a elección debe corresponder a técnicos.

O que si subliñan é que a construción supoñería un estímulo socioeconómico para o municipio. Abadín ten, desde hai anos, un centro de día cuxo funcionamento encomian os promotores desta proposta.

Os veciños aseguran que non están nin a favor nin en contra de ningún partido e que só buscan que se faga esta infraestrutura.