Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz adxudica a xestión da unidade de atención temperá

Por 2 Xullo, 2021Sin comentarios

O Concello de Guitiriz ven de adxudicar por 33.180,95 euros o contrato para a xestión do Servizo de Atención Temperá para a atención integral a nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade que se realiza de xeito conxunto cos concellos de Vilalba e Xermade.

A atención temperá enténdese como o conxunto de intervencións, dirixidas á poboación infantil, á familia e á contorna dos menores que teñen por obxecto dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan as crianzas con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñan risco de padecelos.

A atención, que comezará ao longo do mes de xullo, levarase a cabo nos espazos habilitados para tal fin e os usuarios ou usuarias terán que ser derivados polo servizo de pediatría do SERGAS. No caso de Guitiriz este servizo prestarase na planta baixa da Aula CeMIT e contará co seguinte persoal: un terapeuta ocupacional (10 horas semanais), un logopeda (11 horas semanais) e un fisioterapeuta (4 horas semanais).

O Concello de Guitiriz asumiu neste exercicio a xestión e a agrupación dos servizos entre os tres concellos, que teñen concedidas un total de 1.596 horas ata o fin do presente contrato, marcado para o 31 de outubro do presente ano 2021.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca a importancia de contar cun servizo como este no municipio, “preto da casa”, xa que “é fundamental unha detección precoz e unha intervención adecuada para o desenvolvemento adecuado do neno ou da nena”. 

Obxectivos do servizo

Os obxectivos máis importantes dentro do marco da Atención Temperá son:

  • Reducir os efectos de calquera déficit ou dificultade sobre o desenvolvemento global da crianza.
  • Optimizar o desenvolvemento da crianza.
  • Introducir os mecanismos necesarios de compensación, eliminación de barreiras e adaptación de necesidades específicas.
  • Evitar ou reducir déficits secundarios ou asociados producidos por un trastorno ou situación de alto risco.
  • Atender e cubrir as demandas da familia e o entorno no que vive a crianza.
  • Considerar ao neno como suxeito activo da intervención.