Skip to main content
Muras

Enfado en Muras pola falta de médico, que se suma ao peche da oficina bancaria

Por 28 Xullo, 2021Sin comentarios

Poucos días despois do anuncio de Abanca de pechar a oficina en Muras, os veciños reciben outra mala nova, que é a dificultade de cubrir as baixas do persoal médico o que está a provocar un novo malestar entres os residentes e usuarios.

O propio alcalde, Manuel Requeijo, fixo público un bando no que informa aos veciños que debido á dificultade do Sergas en cubrar as baixas por vacacións no centro de saúde “recoméndase a tódolos veciños que antes de acudir ao centro comproben mediantes chamada telefónica a dispoñibilidade do médico, a fin de evitar a perda de desprazamentos”.

Ante esta situación, o alcalde fixo público o seu malestar coa Xunta de Galicia. “Ao final o que vemos é que se están retirando servizos dun concello rural como é Muras, todos eses eslóganes de que hai que volver ao rural só son palabras. Se non temos servizos no rural, o rural desaparece e faino ao non dispoñerse de servizos como estes, sen unha oficina bancaria (só queda un caixeiro) e sen médico no verán”, explicou Requeijo.

O mandatario insistiu sobre o peche da oficina que “a antiga Caixa Galicia tívose que rescatar con diñeiro público e está a obter beneficios de centos de millóns de euros ao ano e non é de recibo que pechen oficinas. E, ademais, a entidade bancaria trasladounos a posibilidade de que falásemos coa Xunta para subvencionar a instalación da entidade bancaria e iso é surrealista, péchannos unha entidade e logo, encima, temos que pagar para volver abrila”, apostilou.

Do centro de saúde, engadiu que “levan anos solicitando melloras no centro, que ten moita demanda porque a poboación do concello está moi envellecida”.

“Por moitas medidas que tomemos no concello para facer atractivo o municipio hai competencias que non están nas nosas mans”, queixouse o rexedor.