Skip to main content
As Pontes

A mesa local contra a violencia das Pontes condena as dirixidas ao colectivo LGTBIQ+

Por 2 Xullo, 2021Sin comentarios

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional (MLCI) contra a Violencia de Xénero do Concello das Pontes reuniuse este mércores de xeito telemático para abordar a situación das persoas LGTBIQ+ no municipio e manifestar a condena conxunta a todas as formas de violencias dirixidas cara a elas. Tamén se avaliou a elaboración de material divulgativo dirixido ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Tania Pardo, Responsable da Área de Igualdade do Concello das Pontes, incide na importancia desta xuntanza e do comunicado xa que “estamos ante un grave problema social de prexuízos, exclusión, rexeitamento e a patoloxización cara as persoas LGBTIQ+ que require dun forte compromiso, colaboración e coordinación institucional. Temos a obriga de intervir mediante estratexias de sensibilización, detección e actuación directas”.

Neste encontro interinstitucional realizouse unha diagnose da situación do colectivo no municipio para detectar aspectos de mellora en materia de prevención e actuación. Doutra banda, procedeuse á elaboración de estratexias de coordinación máis efectivas entre os diferentes ámbitos para dar resposta ás necesidades das persoas LGTBIQ+.

No comunicado conxunto exprésase o rexeitamento a todas as formas de violencias dirixidas cara as persoas LGTBIQ+ e o compromiso de seguir traballando a prol do principio de igualdade e os dereitos de todas as persoas con independencia do seu sexo, identidade e/ou expresión de xénero e orientación sexual.

Nesta xuntanza tamén se deseñou dun xeito coordinado un tríptico informativo dirixido ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia de xénero, e no que se recolle o paso a paso para a tramitación dunha denuncia, así como os dereitos que lle corresponden.

O MLCI é unha plataforma de colaboración conformada polas distintas administracións públicas presentes no municipio do ámbito laboral, xurídico, educativo, sanitario, policial e de servizos sociais. A súa finalidade é establecer pautas de actuación homoxéneas e coordinadas entre todas as persoas profesionais que traballan na atención ou tratamento coas persoas expostas ás violencias machistas, mellorando a prevención, detección e actuación fronte ás mesmas. O seu obxectivo é desenvolver políticas no ámbito municipal que contribúan a lograr unha comunidade sen violencias machistas.