Skip to main content
Vilalba

Saen a licitación das obras da estrada do colexio de Román

Por 16 Xullo, 2021Xullo 17th, 2021Sin comentarios

O Concello de Vilalba sacou a licitación esta semana as obras de rexeneración e sinalización da vía de titularidade municipal 065_001, no tramo que comunica o colexio de Román coa estrada provincial LU-P-6504, situada entre as parroquias de Román e Árbol. Os traballos contan cun orzamento de 122.000 euros.

 A estrada municipal obxecto da actuación parte dende o núcleo urbán de Vilalba e discorre en dirección Oeste-Este, atravesando as parroquias de Sancovade, Goiriz, Román e Árbol ata rematar na vía de titularidade provincial LU-P-6504.

 O seu trazado completo supera os 11 quilómetros de lonxitude, enlazando diversos núcleos de poboación das parroquias polas que discorre e facilitando a circulación dos veciños en dirección a Vilalba, o que a converte nunha das principais estradas locais de todo o municipio.

 A superficie de rodadura do vial atópase pavimentada con firme aglomerado dende o punto de comezo, no núcleo urbán de Vilalba, ata o entronque coa vía 065_005, en Seivane, xunto á zona de acceso ó CEIP Terra Chá, na parroquia de Román. É unha pavimentación recente, polo bo estado do firme de rodadura en toda a superficie deste tramo.

 Dende ese punto e ata o entronque coa vía provincial LU-P-6504 a pavimentación actual mostra sinais evidentes de desgaste. Este deterioro é debido ó paso do tempo, ás condicións meteorológicas da zona e ó intenso uso ó que se ve sometido pola gran densidade de tráfico lixeiro e pesado que soporta.

 Para a mellora e mantemento deste tramo proponse con esta nova licitación a limpeza de noiros, regularización da superficie e a execución dunha nova capa de firme de rodadura a base de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor. Tamén se deberá proceder á súa sinalización horizontal e vertical.

 “A execución desta obra rematará a mellora dunha das principais vías de titularidade municipal de todo o Concello de Vilalba”, explica o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.