Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba pide explicacións sobre os contratos das limpiadoras, convocadas a unha concentración

Por 28 Xullo, 2021Sin comentarios

As traballadoras e traballadores da limpeza e ordenanzas do colexio Insua Bermúdez de Vilalba están convocados a unha concentración polo impago de salarios (9 mensualidades) e a non subrogación dunha traballadora pola nova adxudicataria Tragsa. A concentración será diante do Concello de Vilalba o xoves día 29 ás 12:00 horas.

Segundo explica a CIG, aos empregados débenselles 9 mensualidades, e califica ao Goberno Municipal de Vilalba de “cómplice” e a empresa de servizos García Galgar de “culpable do roubo dos salarios ás traballadoras”.

Engaden que Tragsa, a nova adxudicataria, négase a subrogar a unha das traballadoras, según din, “porque unha empresa pública non pode facerse cargo de contratos en fraude de Lei, este criterio non o utilizan en todos os casos, será que aquí non hai fillos dealcaldes ou altos cargos das administracións involucrados. Resulta curioso saber que o empresario pirata, o que non paga os salarios ás traballadoras, si que foi subrogado por Tragsa”, explica o sindicato.

PARTIDO POPULAR

O Grupo Municipal do PP de Vilalba pide a comparecencia “urxente e inmediata” do goberno municipal, a través da señora alcaldesa ou do encargado da concellería correspondente, para dar conta do procedemento polo que se encargou á empresa pública Tragsa a prestación do servizo de limpeza de centros escolares e outras instalacións públicas dependentes do Concello de Vilalba.

Os populares condenan “a absoluta falta de transparencia que xa parece unha norma de conduta” e tamén que “este tipo de adxudicación se faga ás agachadas, sen ofrecer información de ningún tipo nin aos grupos da corporación nin á cidadanía”. Polo tanto, “ao carecer por completo de información”, esixen explicacións sobre “as razóns de urxencia e necesidade que xustifiquen recorrer a Tragsa para a prestación do servizo”.

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Baamonde, explica que “as dificultades económicas da anterior concesionaria xa eran coñecidas e o goberno municipal tivo a ocasión de atallar o problema dispoñendo doutra licitación; dado que o contrato correspondente vencía a finais do curso 2019-2020. Non se fixo así, e utilizouse o recurso da prórroga de facto, coas consabidas consecuencias: a principios de ano xurdiron as faltas de pagamento ao persoal e a alarma sobre a situación da empresa, feitos dos que o equipo de goberno era coñecedor a través dos embargos por parte da Seguridade Social e Facenda. Nese momento fíxose unha licitación precipitada, da que tampouco se facilitou información, e que ao final resultou deserta”.

Neste sentido, os populares esixen tamén a través da moción explicacións sobre os motivos polos que quedou deserta esta nova licitación e por que non se acudiu a Tragsa nese momento encargándolle a prestación ata final do curso escolar.

Xa que Tragsa é unha empresa participada pola Deputación Provincial de Lugo, dende o Grupo Municipal do PP “supoñemos que existe un convenio entre o Concello e a institución provincial” e, polo tanto, esixen información sobre o contido do mesmo.

A outra información que solicitan os populares é a relativa aos servizos concretos aos que se refire o convenio e cales son as instalacións ou edificios que abrangue; así coma “o tempo de duración da prestación que, polas connotacións que implica recorrer a Tragsa, se entende que só debe ser o tempo imprescindible para resolver a situación de emerxencia”.

Igualmente, cren que o goberno socialista debe dar explicacións sobre o prezo da prestación, se o vai pagar a Deputación ou o Concello, e neste último caso, baixo que criterios o fixa. Tamén queren coñecer se se subrogou a contratación de traballadores/as dos servizos afectados, a que persoal exacto abrangue e, en todo caso, cal é a situación en que quedan as persoas implicadas. Así mesmo, interésanse por saber se se asumiron as débedas da anterior empresa concesionaria.

Prácticas inadmisibles

Os populares consideran que “estas prácticas do equipo de goberno son inadmisibles, principalmente, por dúas razóns: por unha banda, a tensión social debido á situación de desamparo do persoal e, por outra, o evidente desastre na xestión polo que se ve obrigado a abdicar das súas competencias -tanto a xestión coma a xerencia do servizo- noutra administración pública debido á súa inutilidade por prever o que, como todos sabiamos, era a crónica dunha morte anunciada”.