Skip to main content
Axenda Caducada

Foz encherá de cultura as rúas durante agosto

Por 5 Agosto, 2021Agosto 29th, 2021Sin comentarios

O Concello de Foz segue apostando pola cultura segura, amenizando os días dos focegos e os visitantes con actividades durante todo o mes de agosto.

A concelleira Inés López Couto explica que “a cultura é segura e debemos seguir apoiando a un sector que o pasou mal e que nos proporciona saber, lecer e vida. Uns profesionais dos que desfrutamos grazas á lectura, ás obras teatrais, aos filmes ou á música. A cultura dun país coma o noso, que é moi ampla e que nos trae beneficios mentais nun momento no que a saúde mental é fundamental despois do enorme sufrimento que levamos pasado pola pandemia mundial, debe seguir sendo bandeira dun concello coma Foz. Por iso na delegación municipal de Cultura continuamos traballando con autores e músicos locais e de toda Galicia, dando cabida na programación a músicos, actrices e actores, escultores, magOs e autores literarios de moi diversa índole, que promoven a nosa lingua e a nosa cultura e que traballan para a difusión da mesma”. 

Inés López Couto engade que “así mesmo a Foz chegará tamén a música doutros moitos puntos de España coa colaboración que o Concello leva a cabo co Festival Bal y Gay, que dende o 18 de agosto e ata o 26 do mesmo mes achegará a música clásica á Mariña. En Foz poderanse desfrutar concertos o día 18 no pazo de Fontao co cuarteto Seikilos, o día 19 na Igrexa Parroquial de Foz con Cantoría, o día 22 na Finca Goleta con Puro Gershwin e día 26 na Basílica de San Martiño co Cuarteto Casals (entradas esgotadas en todos os concertos)”. 

A edil anuncia tamén que “a aposta pola cultura local nótase tamén na elección do pregoeiro do San Lourenzo 2021, que este ano será Paco Rivas: poeta de Nois, sobradamente coñecido entre os veciños, pregoará o día 6 de agosto un San Lourenzo atípico pero que virá con múltiples concertos de formato reducido e actividades para os máis pequenos”.

“O día 6 será o día da cultura local, xa que o Cenima a partir das 20 horas acollerá a inauguración da exposición doutro focego que coa súa escultura leva a Foz por todo o mundo, Otero Regal, que con Hai mulleres mostraranos unha pequena parte do seu traballo. Así mesmo Paco Rivas presentará o seu libro Auxías, un poemario que poboará os anaqueis das librerías para todos aqueles amantes da boa literatura. Ás 21 horas a atención desprazarase á Praza Rosalía de Castro, que será o escenario do pregón do poeta e que unha vez finalice amenizarase a noite co concerto da banda local Son’s Varadero, dentro do programa Sons na Rúa”, di López COuto.

Inés López destaca tamén que “os pequenos eventos continuarán con concertos na praza Conde de Fontao e na Praia da Rapadoira ás 13 horas, así como na Praza Conde de Fontao ás 22 horas dende o sábado ata o martes. O sábado 7 ás 20 horas na praza Conde de Fontao Títeres Alakrán chegará co seu espectáculo Circo Galaico, que fará as delicias dos máis pequenos, así coma o domingo 8, no que será o Mago Antón o que aparque o seu camión na coñecida praza, durante todo o día, enchendo de maxia Foz. O martes 10 de agosto, festivo en Foz, será o día das bandas. Ás 13 horas A Rebolaxe estará en Conde de Fontao e, como colofón á cultura local no San Lourenzo, ás 20 horas no Polideportivo do Campo da Cabana terá lugar o tradicional concerto da Banda de Música de Foz”.

O Cine na Rúa seguirá dando a volta ao concello con sesións ás 22.30 horas, para chegar á Praza do Concello o xoves 5 con Las Niñas, a Cangas o venres 6 de agosto con Dr. Dolittle, o 10 de agosto en San Martiño con Mujercitas, o xoves 12 na Praia da Rapadoira con Jojo Rabbit, o venres 13 en San Acisclo con Padre no hay más que uno, en formato autocine no aparcamento de Valle Inclán o xoves 19 con Bohemian Rhapsody e o día 20 en Cordido con Playmobil la película.

O teatro continuará todos os martes no pavillón do colexio Número 1. Tamén haberá Sons na Rúa con grupos locais os venres en varias prazas municipais ás 21 horas.

A Feira do Libro volverá a Foz a partir do xoves 19 de agosto en horario de 17 a 22 horas na praza Conde de Fontao; contará con presentacións e sinatura de libros por parte de varios autores.

O Sons na Rúa terá tamén grupos de fóra de Foz, que poboarán os fins de semana do 14 e 15 de agosto e o 21 e 22 de agosto. Haberá concertos de djs en formato sesión vermú a partir das 12:30 horas e sesión de noite con grupos. O día 14 de agosto ás 21:30 horas na praza Conde de Fontao contaremos con Os amigos dos músicos, o día 15 no Parque Rosalía de Castro a banda será Sabela King & The Heartbreakers. Na fin de semana do 21 de agosto será o turno de The fabulous resaca brothers, na Praia da Rapadoira ás 21.30 e o domingo 22 ás 20.30 na praza Rosalía de Castro será Galifunk brass quen amenice.

“Todas as actividades serán con cadeiras, máscara e distancia de seguridade. Así mesmo haberá que anotar nome e teléfono para acceder aos recintos, cumprindo a normativa da Xunta de Galicia de prevención do COVID-19. Pedimos responsabilidade para todos aqueles que desfruten de Foz durante o mes de agosto porque o noso pobo é un lugar precioso para descansar e vivir pero tamén debemos coidar del. A nosa saúde é a de todos. A saúde e a cultura van da man, sen unha non hai outra, é a nosa responsabilidade apoiar ao comercio, a hostalería e ao sector cultural respectando as medidas. Vamos todos da man”, finaliza a concelleira de Cultura.