Skip to main content
Axenda Caducada

O Concello da Pontenova pon en marcha un concurso de fotografía

Por 31 Agosto, 2021Outubro 15th, 2021Sin comentarios

O alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, avanzou que o Concello pon en marcha un concurso de fotografía  “co fin de que se resalten ese espazos da nosa vila que nos parecen os máis fermosos pero que, ao mesmo tempo, son descoñecidos para a gran maioría dos veciños e veciñas deste concello”. O prazo para presentar as imaxes é ata o 15 de outubro, e as gañadoras sairán publicadas no calendario da Pontenova do ano 2022.

Campos Conde explica que a “finalidade principal desta iniciativa é a de dar valor e visibilidade aos numerosos recunchos, paisaxes, árbores, fervenzas, construccións tradicionais, etc… que son singulares, posúen unha indubidábel beleza estética e que podemos atopar ao longo de cada unha das 11 parroquias que conforman este Concello”.

“Por iso dende aquí queremos convidar a todos e todas a participar neste concurso, xa que é unha oportunidade para visitarnos e ao mesmo tempo para descubrir novos recunchos da Pontenova, e no que ademais tamén haberá premios. Cada un dos autores das 12 fotografías máis votadas recibirán, como agasallo, un vale regalo por valor de 50 euros para canxear en calquera dos establecementos da vila, así como unha pequena réplica dun forno de calcinación, un dos principais símbolos do noso concello”, explicou o rexedor.

Bases do concurso

Poden concursar todas aquelas persoas que o desexen, estean ou non empadroadas na Pontenova, sempre que sexan os autores das fotografías presentadas e as imaxes se axusten á temática. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 fotografías, que poderán ser en cor ou en branco e negro.

As fotografías deben respectar as seguintes condicións: debido ao formato do calendario, as imaxes deberán estar en formato horizontal, e deberán enviarse nun dos seguintes arquivos dixitais (JPEG, PNG ou TIFF) cunha resolución mínima de 8MB cada imaxe.

O prazo para presentar as fotografías ao concurso abrirase o 1 de setembro e rematará o 15 de outubro, ámbolos dous inclusive. Deberán ser remitidas ao seguinte correo electrónico:  turismo@concellodapontenova.org especificando no asunto do correo: “Concurso Calendario 2022 A Pontenova”, e no texto do mail: os datos persoais do autor así como a sinalización dos datos da fotografía.

As 24 fotografías seleccionadas expoñeranse públicamente a través da web oficial de turismo do concello para ser sometidas a votación popular. As 12 fotografías que reciban máis votos, serán as que finalmente aparecerán no calendario oficial de A Pontenova – ano 2022.