Skip to main content

Por Noelia Castro Yáñez

Se no Sistema Internacional de unidades se considerasen as ganas unha magnitude fundamental, cal sería a unidade de medida? Quero dicir, como se miden as ganas que tes de algo? A miúdo nos vemos na obriga de converter unha magnitude cuantitativa nunha cualitativa e respostar con si ou non a unha pregunta á que eu sempre asignaría unha variable numérica como resposta.

Tes ganas de ir á praia conmigo? Iría contigo ate chovendo chuzos de punta.

Esto pode que se traducise nun dez de dez na escala das gana, outra cousa sería: Hai que mirar o tempo primeiro, senón buscamos algo distinto para facer. 

Que tamén se pode traducir nun dez de dez, pero sendo o rapaz da Mariña lucense ben seguro. Ai! Pois cádrame mal, muller, que ese día véñenme enrolar a herba seca.

Que pode significar dúas cousas, que ten poucas ganas de ir contigo á praia ou que ademais de galego, é parvo. 

As ganas poderíanse medir nas horas que repousan os callos que lle fai a miña nai a M.  cada vez que vén vernos. Érguese coas galiñas para poñer todo a punto e para cando a xente está chegando ao Roda para comelos, a iso das oito e media, ela xa podería gañar unha competición entre ambas racións.

Tamén poderían medirse no número de transbordos entre orixe e destino. Ou nas horas de viaxe. Nos minutos adicados á preparación do acontecemento. Acostumamos a focalizar a felicidade no destino no canto de poñela nas ganas que temos de que algo pase. No mimo que poñemos en cada idea ou nas bágoas de sacrificio na teima por conseguir ese soño. Nas veces que anhelamos coa almofada ese ascenso, ese reencontro ou que á avoa lle saia todo ben o mércores que vén no hospital. 

Ás veces fallan as ganas e outras, pola contra, abondan as ganas pero fallan os motivos. As ganas, coma risa, son claros indicadores de verdade. Fogar non é onde naciche, é onde te criache, ese lugar ao que sempre tes ganas de voltar. As ganas incluso poderían medirse en Newtons, os que aplicaremos de forza en todas as apertas postCovid. Porque ter ganas acostuma a ser sinónimo de querer intensamente. Ti que querías e eu que che tiña ganas e aconteceu o que o Demo desexaba.

Coido que as ganas se tornan en magnitude incontrolable na maioría das situacións. Dificilmente unha pode xestionar as ganas dunha tortilla con ovos de galiña araucana un sábado a mediodía. Non obstante, o consello oficial sería só desexar aquelo que dependa de ti, se non tes ganas de andar frustrado. Se non se morre de amor, de ganas tampouco, ou menos, diría eu. Malia que eu llela trato de colar sempre que podo cando lampreo por unha torta de chocolate na casa. Morrer de ganas é devecer por un bico. Desexar con ansiedade. Adoecer, langrear, rabear. Porque o que moito se despide, poucas ganas ten de marcharse. Por ese motivo eu adoito non facelo cando non quero que me saiban as que teño. Presta ser coñecedora das ganas das miñas alumnas por dar o mellor delas mesmas, ganas de leirar un futuro incerto ao que poden gañarlle a partida. No outro extremo habita a desgana, raíña do non por bandeira. Indicador tamén de incerteza e olvido. Se faltan as ganas, xa comezamos a segunda parte perdendo un a cero, e cun defensa menos. Ao que vaias facer, ponlle ganas, porque o  avó L. dicía que o bo gado era o bebedor. Ata para iso serven as ganas, para calificarnos e cuantificarnos. Porque non hai sensación máis pracenteira que a de xuntarse a fame coas ganas de comer.