Skip to main content
CervoCultura AMARIÑAXA

Fol do Raxal: “Conformámonos polo momento con ensaiar e desfrutar das pequenas xuntanzas”

Por 1 Agosto, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Falamos con José Antonio Lozano, presidente da asociación cervense Fol do Raxal, a cal se une todos os domingos no Paseo dos Namorados para ensaiar e alegrar o día aos veciños e visitantes.

Como xurdiu a asociación Fol do Raxal?

Esta asociación xurdiu coa idea de recuperar a tradición musical e a música en vivo. Xa eramos amigos que nos xuntábamos para facer foliadas ou cantos de taberna. E así a finais do ano pasado decidímonos a constituir oficialmente a asociación.

E o nome tan curioso?

O nome é unha homenaxe ao lugar onde comezamos a ensair e a reunirnos que se atopa na parroquia de Senra, alí os veciños deixaronnos un local social e gustounos o sitio. E aínda que xa non seguimos nese local, mantemos o bonito nome.

Cantos sodes?

A Asociación Fol do Raxal está composta por Manuel Pérez como vicepresidente, Rubén Cereijo secretario, David Moreiro tesoureiro, Elías Gándara e Ramón Ron vogais, e polo presidente que son eu. Somos os membros fundadores pero agora tamén incorporamos a José Antonio no tamboril, a Mari Sol no bombo e a Iria e Sonia nas pandeiretas. A familia de Fol do Raxal vai medrando.

Uniuvos a paixón pola música?

Sempre nos gustou tocar a nivel individualmente pero e moito mellor xuntarse para tocar e desfrutar da música. Todos compartimos o gusto pola música tradional galega.

Que obxetivos teñen?

Esperamos que cando comece a remitir a pandemia poidamos facer algún concerto e así tamén que se nos coñeza e se poida unir máis xente á asociación. Tamén nos gustaría comezar con algunha outra actividade, pero aínda está todo no aire. Contamos con camisetas e chapas que temos á venda nos lugares de ensaio para que todo o recadado revirta na organización de actividades futuras.

Que instrumentos tocan?

Temos gaitas, acordeón e tambor, e con elas tocamos as pezas tradicionais que son máis coñecidas para nos. Pero non descartamos engadir algún tema propio nun futuro. Nalgún ensaio únense tamén algunhas persoas a tocar con nós e moitas veces de forma improvisada, como algunha pandereteiras ou outros gaiteiros.

Como viviu a asociación a pandemia?

A verdade é que nos limitou bastante pois non había xuntanzas nin eventos e pero como somos un grupo de recente creación polo menos non nos afectou tanto como a outros. De momento so podemos xuntarnos para ensaiar pois non podemos facer ningún tipo de concerto.

O bo é que ensaian ao aire libre neste tempo, non?

Si, normalmente xuntámonos os domingos polas mañás pois todos traballamos ou temos que atender á familia. Escollemos un lugar ao aire libre que nos gusta moito como é o Paseo do Namorados en Sargadelos pois é un espazo aberto con mesas e bancos e no que nos sentimos cómodos. Ademais alí neste tempo hai turistas que paran para escoitarnos e vernos tocar e incluso algúns pregúntanos se nos poden gravar ou sacar fotos. Tamén solemos tocar en algunha ocasión na praza do Souto.

E no inverno contarán cun recuncho onde poder xuntarse?

O Concello de Cervo acondicionou unha parte das Escolas Vellas de San Román para destinalas a lugar de ensaio das diferentes agrupacións locais. Así que teremos un lugar onde cubrirnos durante o frío inverno.

Como ven o futuro?

Penso que todos temos ganas de festa e de saír e divertirnos pero as cousas non están moi claras e somos conscientes da situación, así que toca esperar porque o primeiro é a saúde. Nos conformámonos polo momento con ensaiar e desfrutar das pequenas xuntanzas.