Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Candia presenta a súa candidatura á presidencia do partido

Por 5 Agosto, 2021Sin comentarios

Elena Candia entregou á Comisión Organizadora do 18 Congreso Provincial mais de 1.600 avais, formalizando así a súa candidatura a revalidar a presidencia do Partido o vindeiro 19 de setembro. Deste xeito, a precandidata non só triplica o número de apoios recibidos en 2016, ano no que ocupou por primeira vez a presidencia da formación, senón que o fai sendo respaldada por afiliados de todas as agrupacións da provincia.

Superado este trámite, tal e como esixe o regulamento da formación para poder optar á reelección da presidencia, a popular sinalou que o que persegue é “liderar un proxecto baseado no traballo en equipo, que teña no centro a Lugo e unha estratexia de provincia, avalada no diálogo e no consenso”.

Neste senso, Candia precisou que “quero un proxecto que busque o equilibrio entre a ilusión da renovación e a serenidade, e a responsabilidade da experiencia”; un proxecto, en definitiva, dixo, “fundamentado tamén en valores, en principios, en compromiso de traballo, próximo á xente, humilde, entregado e, sobre todo, intelixente. No centro Lugo cidade e provincia, e con proximidade”, remarcou.

Retos

Visiblemente emocionada, Elena Candia non dubidou en recoñecer que se amosa “con máis experiencia pero, sobre todo, con moita máis ilusión, despois dese 6 de abril de 2016”, e afirma que o volve facer logo de escoitar a alcaldes, voceiros, afiliados que lle trasladaron o seu apoio e o seu punto de vista. 

“Quero liderar un proxecto que ten como principal obxectivo o de convencer os lucenses de que merecemos unha oportunidade de goberno na Deputación e na cidade”. E é que segundo indicou, “percibimos a decepción dos bipartitos na rúa”. A modo de exemplo destacou que “o casco histórico da cidade agoniza; na actualidade o actual goberno local carece dun proxecto impactante para a nosa cidade; e temos un presidente da Deputación que vive de rendas do proxecto anterior que cheo foi de demonizar e que agora intenta rendibilizar, pois nin unha soa medida positiva saída do ente provincial leva a sua pegada”.

Por este motivo, e coa humildade que a caracteriza, recoñeceu que “sigo crendo que a política é o mellor instrumento de mellorar a vida da xente, neste caso, considero que o proxecto que aspiro a liderar é o mellor para mellorar  a calidade de vida de todos os veciños e veciñas da provincia”, afirmou.

Mocidade

A precandidata expresou publicamente o seu agradecemento polo apoio recibido a todos os afiliados, cargos orgánicos, así como o traballo á Comisión Organizadora e a todas as persoas que están inmersas no desenvolvemento do cónclave. Os sete integrantes da COC son un reflexo “que confirma que a forza da xuventude está presente no noso Partido e nun proxecto político que contribuirá ao impulso de estratexias para o futuro da nosa provincia, tendo a mocidade, no centro das nosas decisións”, afirmou.