Skip to main content
BurelaDeportes AMARIÑAXA

O Pescados Rubén Burela FS renova a súa imaxe

Por 6 Agosto, 2021Sin comentarios

Para celebrar os 20 anos de éxito laranxa co 4 de setembro de 2021 como o gran día, o Pescados Rubén Burela FS renova a súa imaxe con novo escudo. Un emblema que mantén o seu sinal de identidade, aqueles elementos que nos representaron ao longo destes anos, nos que un club humilde medrou ata converterse no único con representación masculina e feminina na elite española, engadindo outros novos que representan a toda A Mariña.

O balón de fútbol sala e o Torque de Burela mantéñense como elementos principais do novo escudo, representando o deporte que amamos e a vila que nos viu nacer. O escudo inclúe agora o noso ano de fundación, 2001, momento en que comezou este soño ata alcanzar un proxecto de consolidación en Primeira División Masculina e que foi recentemente galardoado co premio a Mellor Club Feminino do Mundo nunha etapa máxica na que as Guerreiras Laranxas encadean nin máis nin menos 9 títulos consecutivos.

Tamén se engade unha rosa dos ventos identificando o vento do nordés, un vento que sopra en todas as vilas da Mariña e que quixemos incluír para que toda a nosa bisbarra se sinta identificada co noso equipo.

Un poema de Antón Cortizas Amado

A Mariña, a paixón polo fútbol sala, a afección, o vento do nordés… protagonizan o vídeo de presentación da nova imaxe do Pescados Rubén Burela FS, a través dun poema do escritor galego Antón Cortizas Amado, galardoado cos premios Merlín (2001) e O Barco de Vapor (1988, 1991, 1995), a quen agradecemos a súa colaboración e disposición por facer desta presentación algo moi especial.

 

Polas xanelas da bela Mariña
entran os folgos dun claro nordés
con vinte soños cargados de aromas,
vinte lembranzas encol do convés.

Coa vista alegre que engalana os ollos
chegan os barcos após da faína,
brillan no ceo os trilos da aurora
dando comezo a unha nova partida.

Miles de estrelas no ceo marchando,
paso a pasiño, caneando a luz,
que o novo xogo vai dar xa comezo
cando no porto se apague o run-run.

Pés mariñeiros ao vaivén das ondas
buscan a bóla para canear,
ires e vires da maré máis longa
e as grandes vagas co pé rexeitar.

Imos avante ao son do nordés
que enche a contorna color da súa voz,
rosa dos ventos na pista de xogo,
todo está pronto para o eco dun gol.

Que soe o chifre, xa temos balón,
no alto do ceo comeza a brillar;
dun punteirolo a bóla reloce
brincando escumas no campo de sal.

Sobre as bancadas a amante afección
erguendo o leme, lanzando o bourel,
canta cos ollos ao son dos despexes
para as galernas conseguir vencer.

Os avecíos das aves veciñas
xuntan o alento e chían de vez,
aturuxando de amor á Mariña:
Rosa dos ventos xa vai florecer!