Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

O Observatorio da eólica mariña contará cunha web para favorecer a participación e o diálogo aberto

Por 1 Agosto, 2021Sin comentarios

O Observatorio da eólica mariña fixo un Pleno para fortalecer o diálogo e a colaboración entre administracións e axentes implicados, a través da avaliación conxunta dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

Este observatorio serve para identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas, da man do sector industrial, o marítimo-pesqueiro e as entidades e organizacións vinculadas.

Así, o encontro tivo como obxectivo de que as propostas que a Xunta envíe ao Goberno sexan as que mellor representan a posición de Galicia. A Xunta, tal e como sinalou Francisco Conde, mantén a súa defensa de integrar obxectivos ecolóxicos, económicos e sociais á hora de desenvolver calquera proxecto vinculado coa eólica mariña.

Neste sentido, a conselleira do Mar destacou que calquera proxecto que se aprobe no mar debe ser compatible coas actividades marítimo-pesqueiras xa existentes e respectar a protección do medio ambiente e das costas galegas.

Rosa Quintana asegurou que a vontade do Executivo galego é apostar polo consenso e a transparencia con todos os actores do sector marítimo-pesqueiro para impulsar na medida do posible o desenvolvemento da Economía Azul e das actividades vencelladas co mar.

Así, sinalaron que o Observatorio vai contar cunha páxina web onde se recolla toda a súa actividade, unha ferramenta que sirve de exemplo da aposta de Galicia pola participación, o diálogo aberto e a transparencia para conseguir que o desenvolvemento da eólica mariña se faga desde o equilibrio, a compatibilidade e a sustentabilidade.

Grupos de traballo

O Observatorio está formado por representantes da Xunta (membros da Vicepresidencia segunda e das consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda); da industria –Asime– e do sector pesqueiro –tanto das confrarías como do Consello Galego de Pesca–.

Trala súa constitución o pasado 9 de xuño, establecéronse tres grupos de traballo: un para a planificación e normativa –centrado na análise dos POEM–; outro baseado na tecnoloxía e innovación; e un terceiro que se dedicará á área de impacto social.