Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

Lanza a campaña Galicia sabe amar

Por 7 Agosto, 2021Sin comentarios

Presentouse unha nova campaña da Xunta para a promoción dos produtos do mar co obxectivo de impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía. Esta acción, denominada GALICIA SABE AMAR, incide na importancia de comer peixes e mariscos e na gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.  

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a capacidade do turismo para poñer en valor a calidade das materias primas da comunidade e incidiu en que a gastronomía é o segundo motivo, despois da natureza, polo que os turistas escollen Galicia. Por iso, salientou o potencial da enogastronomía para diversificar e desestacionalizar a oferta turística e contribuír a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e sostible aproveitando a oportunidade que ofrece o mar tanto para facer turismo neste Xacobeo 21-22 a través da peregrinación por mar ou das distintas experiencias do turismo mariñeiro como para degustar os seus produtos.

Esta nova campaña, que dá continuidade a O noso mar, marca e O mar que nos move, está pensada e deseñada para chegar ao conxunto da cidadanía a través dos medios de comunicación convencionais e tamén das redes sociais. O obxectivo é incidir na importancia de consumir produtos do mar para ter unha alimentación saudable así como que mercar peixes e mariscos é unha decisión intelixente e algo que forma parte da identidade dos galegos.

A conselleira do Mar tamén destacou que esta acción pretende enxalzar a pesca como unha actividade sostible así como o importante labor que realizan os profesionais do mar para poñer os numerosos manxares que ofrece o medio mariño nas mesas de todos os galegos. Unha estratexia que enlaza coa campaña Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco, posta en marcha en 2020 e que animaba á sociedade a adquirir produtos pesqueiros para agradecer o esforzo do sector extractivo durante a crise do coronavirus. 

Rosa Quintana asegurou que é vital que as administracións públicas fomenten o consumo de peixe e potencien a súa compra por parte da cidadanía pois terá beneficios tanto para o conxunto da economía como para a sociedade, mellorando a saúde dos consumidores. Nesta liña, subliñou que os produtos do mar son unha aposta segura e uns alimentos fundamentais para levar unha dieta saudable e equilibrada.

A campaña

GALICIA SABE AMAR pon o acento de maneira fresca e atractiva sobre a calidade e grande variedade de produtos do mar cos que conta Galicia, uns produtos moi desexados e que namoran aos consumidores. Neste sentido, enxalza a diversidade de produtos, formatos e posibilidades que ofrecen os peixes e mariscos da comunidade permitindo a elaboración de pratos da máxima calidade tanto nos fogares como nos restaurantes máis selectos.

Baixo esta acción global atópanse outras iniciativas de promoción máis específicas impulsadas pola Consellería do Mar como Fai click ao teu bocata ou Ti si que es un bo peixe -substitutas de O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata– dirixidas á poboación infantil e que xa chegaron a máis de 150.000 nenas e nenos galegos, ou Vai de peixe, deseñada para impulsar o consumo de produtos do mar entre os millennials e centrada principalmente nas redes sociais. A elas engádense outras como a marca de calidade pescadeRías, de onde se non? ou campañas puntuais para promocionar produtos de mar de tempada como o bonito do norte.

O acto de presentación de GALICIA, SABE AMAR contou coa participación dos responsables do deseño da campaña e estivo conducido polo actor e humorista galego David Amor. Ao evento acudiron distintos representantes do sector pesqueiro e marisqueiro, da industria de transformación de produtos do mar e das principais empresas de distribución alimentaria da comunidade.