Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

Piden cambios para a práctica da pesca deportiva no porto burelés

Por 27 Agosto, 2021Sin comentarios

A concelleira de Mar de Burela, Carmela López, presentou en Portos de Galicia un escrito pedindo cambios para a práctica da pesca deportiva no porto burelés. A edil mantivo unha xuntanza cunha representación dos pescadores recreativos da vila e co presidente da Confraría de Pescadores, Basilio Otero.

No escrito remitido a Portos de Galicia e dontro do apartado das condicións de acceso á zona portuaria formúlanse alegacións como que os pescadores de Burela estanse atopando con que as compañías aseguradoras non cobren a totalidade das coberturas mínimas esixidas, non conseguindo asegurar a cobertura de seguro de accidentes propios con asistencia sanitaria mínima de 300.000€.

No apartado do réxime de prohibicións, solicitan que no porto de Burela, se habilite como zona permitida con limitacións a indicada no mapa adxunto, e que comprende dende o espigón ata a Confraría e antiga Fábrica de Xeo. Que se permita a práctica da pesca marítima recreativa entre embarcacións sempre e cando as mesmas non estean realizando ningunha operación e se atopen atracadas.

Neste punto, “tamén queremos incluír o novo dique situado preto das instalacións de ABSA, sempre e cando non exista actividade pesqueira para non interferir coa mesma”, di López. 

“Puntualizamos que o espazo que por agora temos permitido, é un espazo con bastante actividade comercial e que moi puntualmente está libre de mercadorías. Valorar a posibilidade da convivencia entre mercadorías e pescadores”, engade a concelleira de Mar.

Tamén solicitan que  o aforo máximo de 1 pescador cada 5 metros se revise xa que “nos parece excesiva distancia e moi difícil de cumprir tendo en conta a realidade e o espazo co que contamos”, engade.

A concelleira de Mar, Carmela López, explicou que “me reunín con Basilio Otero e cos pescadores o pasado mércores, día 25, pola tarde no porto de Burela. Pero xa levamos falando dende hai moitos meses. A nosa primeira xuntanza data de setembro do ano pasado e a partir de aí mantiven distintas reunións, tiven acceso ao borrador e mediante a Confraría e a Federación estiven ao tanto das alegacións formuladas”.