Skip to main content
Cervo

Cervo solicita á Deputación que asuma o custe dos terreos para a ampliación do Museo do Mar

Por 1 Agosto, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo vai instar á Deputación Provincial a que asuma os custes da expropiación dos terreos contiguos ao Museo do Mar, en San Ciprián, para poder executar a súa necesaria ampliación; a través do acordo do Pleno de “instar á Deputación provincial, unha vez máis, a asumir o compromiso de ampliar o Museo Provincial do Mar, que é da súa xestión, o que require da adquisición do terreo contiguo cuxos costes, tal e como recolle o proxecto encargado polo Concello de Cervo, están estimados en 155.188,14 euros, a fin de conseguir un espazo axeitado para acoller toda a riqueza patrimonial, etnográfica e histórica que atesoura este inmoble”.

Tal e como explica o rexedor, Alfonso Villares, “temos o privilexio de ter no noso municipio o museo público máis antigo de Galicia, cuxa xestión recae na Deputación Provincial desde que lle fora cedido no ano 2003”, cando pasou a integrarse na rede museolóxica dependente deste organismo.

O valor do legado patrimonial que agocha este museo –engade- é incalculable, xa que atesoura o corazón da historia mariñeira da comarca, e nomeadamente do Concello de Cervo.

“Pero as súa estrutura e dimensións non permite que toda esa riqueza ocupe o lugar privilexiado que merece, e moitas doazóns, documentación gráfica, fondos etnográficos e de fauna marina, cartas náuticas…permanecen almacenados, sen expoñerse, por falta de espazo”, di.

Neste senso, subliña “desde o equipo de Goberno do Concello de Cervo levamos anos tentando corrixir esta situación buscando fórmulas para evitar que todo ese patrimonio permaneza velado nun caixón”.

Así, o que se pretende é ampliar as instalacións do Museo do Mar en beneficio público a fin de potenciar un museo adaptado ás novas realidades e necesidades sociais. Para conseguir este obxectivo, o ámbito proposto para a ampliación abrangue, ademais do edificio existente, unha construción antigamente empregada como vivenda, na que se prevé desenvolver a ampliación dos usos dotacionais.

De feito, no pleno celebrado o 1 de xuño de 2021, cos votos a favor do PP e do BNG, e a abstención do PSOE, aprobouse provisionalmente a Modificación Puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento, un cambio nas condicións urbanísticas que permitirá o uso dotacional da superficie total -actual museo e terreos contiguos- que é de 2.568 m2.

O obxectivo deste cambio no uso dotacional é poder adquirir o terreo contiguo ao museo para mellorar a calidade e a funcionalidade desta dotación cultural tan importante para Cervo. Aínda que este interese non é só de carácter local, senón comunitario e xeral, xa que achega unha función social e identitaria como centro de exhibición e difusión do patrimonio mariñeiro.

Así, o Concello xa encargou tal e como explica o alcalde, “un proxecto no que o equipo redactor estima a contía económica a desembolsar para poder obter os terreos pola vía da expropiación e o acondicionamento dos mesmos, que ascende a 155.188,14 euros”, que é a contía que cremos que tería que aportar a Deputación, á vista de que o inmoble está xestionado por esta institución; e tamén tendo en conta que esta petición foi reiterada en múltiples ocasións pola Corporación municipal deste Concello que –tal e como recorda Villares- aprobara por unanimidade no pleno celebrado o 26 de setembro de 2007 a seguinte e proposta: “Solicitar á Exma. Deputación Provincial de Lugo a adopción dun acordo expresando o seu compromiso firme de asumir os custos do proceso de ampliación do Museo do Mar de San Ciprián, a fin de completar o proceso de redacción do estudo económico preciso para a aprobación definitiva da modificación puntual das Normas Subsidiarias do planeamento na zona do Museo do Mar, en San Ciprián”.

Así como tamén saíu adiante a moción presentada polo Grupo Municipal do BNG no pleno celebrado o 31 de marzo do 2005.

“Desde o Concello de Cervo agardamos pois que agora si, dunha vez por todas, a Deputación Provincial asuma o compromiso e mobilice os cartos públicos necesarios para que o Museo do Mar de San Ciprián dispoña dun espazo axeitado acorde á inmensa valía de toda a riqueza que atesoura no seu interior, e que permanece en gran parte, gardada nun caixón”, din.