Skip to main content
Cervo

Vaise renovar a rede de abastecemento en diferentes zonas da parroquia de Sargadelos

Por 3 Agosto, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo vai renovar a rede de abastecemento en diferentes zonas da parroquia de Sargadelos. En concreto, tal e como explicaron o rexedor, Alfonso Villares e a tenente alcalde, Dolores García Caramés, no encontro que mantiveron co pedáneo da zona, José Luis Peña, a actuación levarase a cabo en dúas vías, na que une a Ponte do Río Xunco ata a estrada do Vilar, e na que discorre desde a Fonte Santa ata o cruce da Ponte do Rego de Sargadelos e suporá un investimento de preto de 50.000 euros, todos eles procedentes de fondos municipais – 48.169,83 euros concretamente-.

O obra consistirá fundamentalmente na substitución da rede de abastecemento de auga potable existente, o que implica a apertura das correspondentes gabias nas vías obxecto da actuación e a correspondente reposición do firme afectado. 

Estes traballos veñen sumarse e complementar unha recente actuación realizada nesta mesma parroquia de Sargadelos na que se melloraron distintas arterias de comunicación. 

En concreto, actuouse nos últimos meses nun tramo de case 2,5 quilómetros que se corresponde co camiño que discorre desde o cruce da Casa da Administración ata o cruce da Ponte do Rego; o que supuxo un investimento de case 40.000 euros financiados pola Xunta de Galicia, con fondos AGADER dentro do Plan Marco de Melloras de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2020-2021.

Villares explicou que a obra -xa rematada- foi concibida co obxectivo de mellorar o firme do camiño sen variar a súa natureza, conseguindo unha boa evacuación e drenaxe das augas pluviais coa execución de canles, cunetas ou medios canos ao longo de todo o seu trazado. 

Así mesmo –engadiu- tamén se realizou a limpeza dos pasos salva cuneta e a reposición dos que se atopaban deteriorados e colocouse a sinalización vertical necesaria para mellorar a seguridade viaria do camiño.

O rexedor fixo fincapé na importancia deste tipo de actuacións “que contribúen a poñer en valor o noso rural dotándoo de servizos de calidade e facéndoo máis atractivo para vivir e para o asentamento de novas familias”.