Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo agradece a colaboración do voluntariado de verán

Por 11 Agosto, 2021Agosto 12th, 2021Sin comentarios

A asociación Ariños do Xunco colabora activamente na organización de todos os eventos, así como, os mozos de Cervo a carón do voluntariado

O Concello de Cervo quere ter un especial agradecemento con todas as persoas que dun xeito voluntario “están a botar unha man no desenvolvemento da programación deseñada para estes meses de verán”.

En concreto, dez mozos e mozas reforzan o equipo de traballo dos programas Enredando no Verán, Cervo Concilia e das Noites Alternativas, que inclúen deporte, rutas de sendeirismo, actuación musicais, maxia ou cine na rúa, entre outras moitas iniciativas.

Estes rapaces están inscritos no programa “Cervo ao Carón do Voluntariado”, que vai xa pola súa cuarta edición, e que está dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos co obxectivo de poñer en práctica a implicación solidaria e o compromiso activo da comunidade moza coa sociedade a través do desenvolvemento cultural e social”. O programa prolongarase ata o 1 de outubro, coa participación activa no desenvolvemento de novas actividades que se programarán de cara aos vindeiros meses.

Desde o Concello tamén queren agradecer moi especialmente a colaboración prestada polos integrantes da asociación Airiños do Xunco, cuxa colaboración é fundamental para o desenvolvemento de todas as iniciativas culturais e deportivas previstas nestes meses de xullo e agosto en Cervo, “que están a ter unha gran acollida e resposta do público”.

Nestes tempos de pandemia, a colaboración destas persoas voluntarias agradécese máis se cabe, “dado que cada evento está organizado baixo uns estritos protocolos de seguridade e cun rigoroso control de aforo e das medidas de prevención, que nos permiten poder seguir gozando do verán e da cultura en Cervo, con todas as precaucións e con responsabilidade”.