Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAFozMar AMARIÑAXA

Alberto Burundarena, A Ribeira de Foz: “É unha tristeza non poder practicar o deporte que che gusta xusto no mar que tes fronte a túa casa”

Por 29 Agosto, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Falamos con Alberto Burundarena, presidente da Asociación A Ribeira de Foz, que defende os intereses dos seus socios e dos usuarios de embarcacións nas zonas portuarias do Concello.

Cando e porque xurdiu a asociación ?

A nosa andainda comezou en abril do 2015 para defender os intereses dos usuarios e dos socios de embarcacións que queiran atracar nos peiraos focegos.

Cantos membros ten?

Máis ou menos estamos entre os 120 ou 130 socios. Comezamos pouquiños pero a xente viu que funcionaba e animouse. Traballamos por e para os socios, tentando conseguir melloras e tamén material para facilitar o mantemento das embarcacións. Sobre todo axudámonos uns aos outros.

Cal é o seu obxetivo?

O principal é fomentar a náutica recreativa na Mariña e máis concretamente en Foz, velar polas instalacións náutico recreativas dos portos focegos e que estén en boas condicións, e tamén nos interesamos e involucramos polo cuidado do medioambiente da nosa ría.

Fan actividades de divulgación?

Si, facemos todos os anos o Open de pesca que ía celebrarse xusto cando decretaron o Estado de Alarma, e este ano polas condicións sanitarias tampouco o faremos. Impartimos charlas e outras actividades de formación relacionadas coa náutica recreativa. Tamén colaboramos co club de kayak nas regatas de piragüismo nos labores de axuda ás embarcacións, e con outras actividades sempre relacionadas co mar.

Cales son os seus lugares ou espazos de xuntanza?

De momento non contamos con local propio, aínda que estamos á espera dende fai tempo de que nolo faciliten dende o Concello. Xa na anterior alcaldía cedéronnos un pero estaba moi lonxe do peirao e ao mudar a alcaldía acordamos deixarllo a cambio de recibir outro máis preto, pero aínda estamos esperando. No tocante aos peiraos en Foz temos dous, o do Porto Chico e o do Muelle, e fai cousa de tres anos dragaron e aumentaron o do Muelle en case 50 prazas de atraque e case ao día seguinte xa estaban todas cubertas. Polo que a náutica é un piar fundamental do pobo e un atractivo turístico.

Entón diminuiron, sábese o motivo?

Diminuiu o número de demandantes porque agora a lista de espera que ten Portos de Galicia para as prazas de atraque renovouse e dixitalizaron todo, polo tanto os demandantes tiñan que volver a apuntarse. E a xente que se atopaba nesa lista dende fai anos vendo que non lle ía tocar nun largo período de tempo e sumado aos infinitos trámites burocráticos que hai que facer, pois decidiu non volver anotarse.

Hai bastante demanda de prazas?

Si, hai moita xente que ven a Foz no verán e que lle gustaría ter a súa embarcación e atópanse co problema de que non hai prazas. Incluso hai xente de Foz que ten o barco noutra localidade e lle gustaría telo aquí e non pode traelo no verán.

Cal é a problematica do Porto Chico? 

O único que necesitamos é optimizar ou arranxar o Porto Chico que ten arredor dunhas 40 prazas. O que lle fai falla é unha modificación estrutural, é dicir, un cambio de ubicación da entrada do peirao porque a actual ubicación fai que o peirao non de un abrigo que de seguridade as embarcacións sitas en este, nin deportivas nin profesionais. E ese é un peirao que estratexicamente é ideal para as embarcacións deportivas pero faille falta unha mellor salvaguarda, un cambio de ubicación da bocana, dragalo e poñer pantalanes para cubrir a demanda histórica en Foz de prazas para embarcacións deportivas que actualmente está en 28.

Que lles dicen os diferentes políticos autonómicos?

É un tema que se debatiu mil veces no Parlamento de Galicia, e aprobouse, pero logo dan largas. Fai dous anos todos os partidos aprobaron en maioría absoluta que había que arranxalo con urxencia pola alta demanda e porque é onde se ubican as embarcacións de salvamento de Protección Civil e socorristas que operan no Concello de Foz e no de Barreiros.

Que pasou con esas embarcacións de salvamento?

Aconteceu que había que saír a un rescate dunha persoa e a embarcación non puido saír pois ao estar en baixamar a zódiac queda varada.

É un deporte para todos os petos?

A naútica recreativa é un deporte bastante caro pois unha embarcación a parte do seu custo hai que mantela, e dende a asociación tentamos facer que este deporte ou afección sexa accesible para todo o mundo. Queremos que non desapareza, que sexa un deporte que perdure no tempo e que non queden os peiraos vacíos.

Porque poderían quedar vacíos?

Pois porque Portos de Galicia os podería deixar abandonar ou porque non sexa asequible para os seus usuarios. Por iso somos partidarios de que Portos de Galicia os siga xestionando e mantendo, como fixo ata o de agora, xa que dispon de persoal cualificado e sempre disposto a traballar, o unico que falla na ecuación para a xestión perfecta son os políticos que debesen facer caso das demandas e dos técnicos dos que dispoñen. Por contra as privatizacións destes peiraos feitos cos cartos de todos, ricos e pobres, fan que supoña unha afección inasequible para xente como os xubilados ou xente con menos poder adquisitivo, solo quedaría esta afección o alcance das clases elitistas. É unha tristeza non poder practicar o deporte que che gusta xusto no mar que tes fronte a túa casa.